A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial –todas elas requiren inscrición-, celebraranse do luns 20 ao xoves 23 de outubro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o email márketing, o posicionamento en buscadores, o perfil de empresa en Google e a edición de vídeos no móbil, entre outros.
Luns, 20
O luns celebrarase o obradoiro telemático “Sácalle proveito ao email márketing con Brevo”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Lalín. O email márketing é unha ferramenta esencial na estratexia de márketing dixital de todo negocio. As persoas participantes aprenderán sacarlle o máximo partido empregando Brevo para mellorar a súa produtividade. A sesión será impartida por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
Martes, 21
Ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro en liña “AI Overviews: novas regras para clasificar en primeiro lugar en Google” coordinado pola oficina do Porriño. Esta sesión abordará como a chegada de AI Overviews a Google fai que o buscador por excelencia responda con resumos xerados pola intelixencia artificial, cambiando completamente a forma en que se descobre, clasifica e consume o contido. Aspectos como que son as descricións xerais da IA, como funciona e que se pode facer para manter o contido relevante e visible serán explicados por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con experiencia en desenvolvemento de proxectos web. Podes inscribirte AQUí.
Mércores, 22
Tamén ás 12:00 horas a oficina de Pontevedra organiza o obradoiro telemático “Promociona o teu negocio co Perfil de empresa de Google”. As persoas participantes aprenderán en que consiste esta ferramenta do buscador, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade.
O perfil de empresa de Google está pensado para facilitar o aproveitamento por parte dos pequenos
comercios das posibilidades da xeolocalización nas procuras da súa potencial clientela. Adrián Fernández,
licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia asesorando empresas de diversos sectores no
ámbito da comunicación e márketing dixital, será o encargado de impartir a sesión, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
Outras novas
- Cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+, dende o luns
- Galicia, en alerta amarela este domingo por chuvias fortes
- O Porriño moderniza o pavillón do CEIP Xosé Fernández López e mellora a accesibilidade
- Beade quenta o outono a base de callos!
- Críticas á falta de transparencia do Goberno local de Redondela
Xoves, 23
O xoves 23 de outubro ás 12:00 a través da oficina de Porriño terá lugar o obradoiro en liña “Edita vídeos facilmente desde o teu Smartphone: Edits”. Lara Taboada, licenciada en Deseño Gráfico con experiencia en composición fotográfica creativa, ensinará a crear vídeos para as redes sociais de xeito sinxelo e creativo.
Edits permite recortar e organizar clips, aplicar transicións, efectos e filtros, e engadir subtítulos para darlle a cada proxecto un estilo único. As persoas interesadas poden inscribirse neste formulario.
Tamén o xoves 23 ás 17:00 horas a oficina de Cambados organiza a sesión presencial “ Aplicacións de IA para automatizar procesos na túa empresa II” no Centro ExpoSalnés. Nesta sesión, afondarase no uso de Make para levar as automatizacións dun negocio ao nivel intermedio. José Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos de experiencia en sistemas informáticos, será o encargado este
obradoiro e as inscricións pódense realizar neste formulario.