Galicia

Este luns, comeza a vacinación infantil fronte á gripe

Dende o día 20 deste mes, a dos maiores de 70 anos, nos seus centros de Atención Primaria

Este luns, comeza a vacinación infantil fronte á gripe

A Xunta dá comezo este luns 13 de outubro á campaña de vacinación infantil fronte á gripe que este ano, e de xeito pioneiro, inclúe aos nenos e nenas desde os 6 meses ata os 11 anos (nados desde o 1 de xaneiro de 2014 en adiante), o que supón aproximadamente 215.000 persoas.

Ademais, realizarase un programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal en 55 centros educativos que busca chegar a 19.000 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos. Para isto, xa foron enviados os primeiros SMS con citas para vacinarse no respectivo centro de saúde ou consultorio, que non serán precisas no caso das familias que acepten participar no programa piloto escolar.

Alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e todos os cursos de Primaria

Desta forma, nos colexios seleccionados facilitarase a vacinación de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. O obxectivo é acadar unha cobertura do 70 % entre os nados entre 2014 e 2022, é dicir entre 3 e 11 anos, matriculados nos centros incluídos no programa piloto.

En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación. Tal e como se lle explicou ás familias en reunións previas ao inicio do programa piloto, a vacinación será realizada nos centros por equipos de enfermería das áreas sanitarias. Empregarase a vacina intranasal, cunha maior aceptación e facilidade de administración ao evitar a picada.

As familias deberán asinar o consentimento para a vacinación do seu fillo e entregala no centro. Antes de proceder á inmunización, os equipos de enfermería recompilarán a información sobre a historia clínica dos rapaces autorizados a recibir a vacina intranasal fronte á gripe.

A finalidade última, de acordo coa campaña xeral de inmunización fronte á gripe, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, tentando minimizar o impacto na saúde deles mesmos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión.

55 centros escolares seleccionados e planificación da campaña

O piloto realizarase nun total de 55 centros, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, que se fará de xeito programado desde o 13 de outubro en adiante.

Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son: CRA María Zambrano (O Rosal); CPR Plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP Plurilingüe García Barbón, CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, CPR Plurilingüe Santiago Apóstol e EEI Vila Laura (Vigo).

Inicio da vacinación de persoas inmobilizadas

Este luns tamén está previsto o inicio da vacinación de persoas inmobilizadas de calquera idade e de quen exerza principalmente o seu coidado.

A partir do 20 de outubro, citarase a persoas de máis de 70 anos a vacinarse no seu centro de atención primaria e abrirase tamén a campaña para persoal sanitario e persoas en situación de inmunodepresión.

Te podría interesar