O Bloque Nacionalista Galego reivindicou onte o seu «salto de xigante» en Vigo nas eleccións galegas deste pasado domingo. Por primeira vez na historia, o BNG foi a forza máis votada na cidade, con 56.820 votos e un incremento de 14 puntos na maior urbe galega.
«Este resultado histórico do BNG foi chave para que, en termos xerais, case 6 de cada 10 viguesas e vigueses enviaran un rotundo non ás políticas de abandono e maltrato aplicadas nos últimos 15 anos polo PP en contra da nosa cidade», valorou o seu portavoz municipal. Xabier P. Igrexas engadiu que o líder do Partido Popular, Alfonso Rueda, ten que tomar «boa nota» do que aconteceu na nosa cidade.
Dúas deputadas e un deputado de Vigo
«Dende o BNG imos defender con inda máis forza no Parlamento de Galiza, onde por primeira vez contaremos con 3 deputadas e deputados da nosa cidade en Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova, que van ser a voz firme para defender Vigo», destacou, considerando considerou que este resultado «histórico» do Bloque amosa que «Vigo non quere máis do mesmo».
O dobre de votos que os socialistas e o «seu candidato fake»
Igrexas subliñou, tamén, como o BNG case duplicou o resultado do «candidato fake», en relación ao papel de Abel Caballero protagonizando como alcalde a campaña PSdG en Vigo. «A pasada semana Caballero pedía nunhas declaracións a Ana Pontón que me desautorizase como portavoz municipal do BNG, mais é claro a quen desautorizaron as viguesas e os vigueses nas urnas«, afirmou.
Tendencia á alza do BNG en Vigo
Así, os nacionalistas poñen en valor a tendencia á alza na cidade nos últimos comicios, triplicando a representación no Concello nas municipais do pasado maio e aumentando o número de votos nun 45% nas eleccións xerais de xullo. «É claro que o BNG non ten teitos nin en Galiza nin en Vigo», reivindicou o voceiro do Bloque, quen asegurou que este domingo «non acabou nada».
«Este resultado histórico fai que o BNG esteamos con máis forza do que nunca, para facer un mellor e máis intenso labor de oposición, para seguir a defender os intereses da maioría social, para seguir construíndo unha Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, con máis benestar social para todos e todas, con Vigo como motor dese cambio galego«, remachou Igrexas.
«O PSOE decrece dende o goberno de Touriño«
Pola súa banda o alcalde, fixo a análise das Eleccións galegas no canle televisivo Cuatro. Ao seu xuízo, o Partido Socialista está nun camiño decrecente dende o Goberno de Emilio Pérez Touriño -que rematou en 2009-. Abel Caballero, cré que o erro foi cambiar de candidato en cada una das últimas cinco eleccións e declarouse contrario ao «canibalismo político», asegurando que «hai que dar a oportunidade ao novo candidato-en referencia a Besteiro- de que defenda o seu proxecto político no Parlamento».
«Vigo 7 puntos por riba de calquera cidade de Galicia»
Logo de negar calquera responsabilidade das políticas de Pedro Sánchez no afundimiento do voto ao PSdG-PSOE, Caballero negou que se poidan extrapolar os resultados dunhas eleccións a outras ou entre territorios do Estado. Tampouco fixo autocrítica algunha do resultado do seu partido en Vigo (perde preto de 13.500 votos e 12 puntos de apoio electoral, en relación con 2020), logo de que asumise en persoa a campaña socialista a nivel local. Neste sentido, o alcalde aseguou que os socialistas «en Vigo temos 7 puntos por riba de calquera outra cidade» -algo que non é exacto, posto que a diferencia é de 2,4 puntos en relación con Lugo; 5,09 con Ferrol; 5.87 coa Coruña ou 6,6 con Pontevedra-, tampouco comentou que Vigo fose a cidade galega onde o PSOE perde máis porcentaxe de voto: 11,92 puntos (fronte aos 9 de Ourense; 5,35 de Pontevedra; 4,4 de Ferrol; 3,45 de A Coruña; 3.07 de Santiago e 0,58 puntos de Lugo).

