Agenda Cultura

Vigo soa a jazz polos catro costados

Catro formacións musicais danse cita en Vigo hoxe dentro do Festival Internacional de Jazz Imaxina Sons en distintos horarios e espazos para que todos poidan disfrutar da boa música: Cottas Club Jazz Band, Red Trio & John Butcher, Yves Robert Trio y Cró!

Os encargados de debutar hoxe serán os portugueses Cottas Club Jazz Band, que comezarán o seu pasarrúas no centro comercial A Laxe (13 horas) para logo debutar na zona peonil do Calvario (19 h) e en Príncipe (21 h). Esta formación céntrase  no jazz dixieland, é dicir, aquel que foi tocado durante os anos 20 e 30 na estadounidense Nova Orleáns.

Tras eles, o Red Trio & John Butcher, tres músicos da nova escena da improvisación libre portuguesa e un dos grandes exploradores da música desde a década dos 70. O británico John Butcher únese aos membros de Red Trio neste concerto no auditorio municipal (20.30h) coa súa experiencia ao saxo para darlle aínda máis intensidade á música do trío portugués, cunha gama de sons que vai desde o silencio ata descargas de enerxía que sorprende á audiencia.

Ás 23 horas tócalle a quenda a Yves Robert Trio no que será o primeiro concerto na Praza da Constitución. E virá da man dun dos músicos máis orixinais da escena contemporánea europea: o trombonista, compositor e improvisador de grande talento, toca de forma limpa extraendo do instrumento sons inusuais que reverten nunha atmosfera de fantasía, humor e emoción. A Vigo vén en forma de trío xunto ao contrabaixista Bruno Chevillon e o batería Franck Vaillant.

O remate da xornada será responsabilidade de Cró! dentro do ciclo ‘Jazz na noite’ ás 00:30 horas no Quomo. A posta en escena deste quinteto mestura estilos musicais como jazz, clásicos ou rock, pero ademais presenta unha comunicación entre son e vídeo en tempo real. A música flúe dun xeito doado entre os catro músicos e o vídeo artista, creando novos espazos e texturas no contexto do rock.

También te puede interesar