Deportes

140 deportistas disputan dende este venres, en Ponteareas, o Campionato de España de Bádminton sub-15

O Club Badminton As Neves, un dos favoritos

140 deportistas disputan dende este venres, en Ponteareas, o Campionato de España de Bádminton sub-15

Ponteareas converterase esta fin de semana en epicentro do bádminton a nivel nacional. O Complexo Deportivo Álvaro Pino acolle os días 26, 27 e 28 de novembro o Campionato de España de Bádminton sub-15, unha proba organizada polo Club Bádminton As Neves co apoio do Concello de Ponteareas que reunirá durante estes días na vila arredor de 140 xogadores e xogadoras.

Dende o venres, ás 11:00h.

A competición comezará o venres 26 coas primeiras rondas do campionato entre as 11.00 e as 20.00 horas, dezaseisavos de final para as e os competidores individuais masculino e feminino e oitavos de final para dobres.

Os partidos continuarán o sábado 27 de 11.00 a 20.00 horas distribuídos en 4 pistas e o domingo celebraranse as finais en horario de mañá. A entrega de premios contará coa participación de membros do Goberno local, así como do
presidente da Federación Española de Bádminton, Andoni Azurmendi, e do presidente da Federación Galega.

O equipo das Neves, favorito

É o sexto evento nacional que organiza en Ponteareas o Club Bádminton As Neves, que se amosa moi optimista coas posibilidades das xogadoras e xogadores locais. “Nós participamos con 5 deportistas na categoría individual e con dúas parellas de dobres e agardamos que consigan unha boa clasificación, porque levar medalla na casa sempre é un orgullo”, salienta Pablo Méndez, presidente do club.

Por streaming

Debido á situación sanitaria o campionato non estará aberto ao público en xeral, pero poderá seguirse en streaming a través da canle de Youtube da Federación Española de Bádminton.

También te puede interesar