Ciencia y Tecnología Destacados

Os galegos poderemos ir ao médico por ‘videoconsulta’

Será posible consultar con médico de Atención Primaria por ‘vídeochamada’

O Servizo Galego de Saúde vén de presentar a nova aplicación ’Sergas Móbil’, coa que facilitará o acceso aos servizos de videoconsulta na sanidade pública galega.

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron esta mañá en rolda de prensa o lanzamento da nova App ‘Sergas Móbil’, mediante a que se integrarán todos os servizos dixitais do Sergas dentro da mesma aplicación.

Entre as súas novidades, incorporase a posibilidade de acceder desde o propio aplicativo aos servizos de videoconsulta con facultativos de atención primaria ou hospitalaria, sendo estes profesionais os encargados de prescribir ditas consultas.

Tarxeta sanitaria virtual

A nova aplicación deseñada polo Sergas tamén ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria virtual. Así, as persoas que descarguen ‘Sergas Móbil’, non terán que levar consigo a súa tarxeta sanitaria física, pois todos os seus datos tamén ficarán almacenados no seu dispositivo móbil. Cómpre subliñar que para gozar da tarxeta sanitaria virtual non é preciso contar cun certificado electrónico para acceder aos servizos administrativos básicos. Este requirimento, si será preciso para poder acceder á información clínica.

Retirar medicinas na farmacia

Neste sentido, as persoas que desexen retirar medicación nas oficinas de farmacia poderán realizalo dun xeito cómodo accedendo a este aplicativo, ao gozar esta tarxeta dixital, do mesmo valor que a tarxeta física.

Atendido en casa mediante ‘vídeochamada’

O Sergas segue a traballar para ofrecer aos usuarios todas as ferramentas posibles para facer máis doado o acceso á Sanidade. Así, mediante esta nova aplicación, os seus usuarios poderán acceder dun xeito áxil e rápido aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser: a xestión das súas citas médicas, localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde, o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario, solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador, ou ser atendido na súa propia casa por medio dunha videoconsulta, cando non sexa precisa a atención presencial.

Coa optimización da aplicación dixital do Sergas, un único usuario poderá facer as xestións médicas de varios pacientes conectándose desde o seu smarthpone, co que se evita ter que inserir novamente os contrasinais para cada trámite.

Entre as características de ‘Sergas Móbil’ destácanse as melloras implementadas nos niveis de usabilidade e navegabilidade. Ademais da súa capacidade para integrar dentro da mesma plataforma outras aplicacións dixitais desenvolvidas polo Servizo Galego de Saúde, como son os casos de Telea (Telasistencia Domiciliaria), ou o portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde galego.

A aplicación está xa dispoñible nas plataformas Goggle Play e App Store.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.