Comarcas Vigo al minuto

Concellos do Miño piden a apertura das fronteiras con Portugal “as 24 horas”

O peche afecta a máis de 6.000 traballadores

Puente Internacional Tui- E.A.

“Fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno”. Esa é a reivindicación na que as alcaldesas e alcaldes do territorio miñoto insistiron hoxe convocados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT Rio Miño).

Endurecimento das accións

Na reunión decidiron “endurecer” as súas accións: continuarán dando pasos pola vía institucional ante a Unión Europea e o ministro de Administración Interna de Portugal, pero tamén organizarán novas accións simbólicas de movilización social para chamar a atención dun territorio que se sinte afogado e tamén “ninguneado” polos gobernos de Madrid e Lisboa.

Segundo explica o vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez, unha das decisións da reunión dos 26 alcaldes e alcaldesas foi elevar á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras e das empresas, xa que a do Miño é a fronteira máis dinámica de toda Europa e un peche como o existente “non se dá noutros territorios”. “Imos remitir un comunicado e pedir auxilio para que interceda ante os estados”, enfatizou.

Reunión co Goberno de Portugal

Tamén se manterán novos contactos co ministro de Administración Interna de Portugal Eduardo Cabrita, a quen se lle instará a revocar a situación actual nunha reunión convocada de urxencia, xa que ata o de agora o país veciño foi o que amosou as maiores reticencias á apertura de novos pasos autorizados na ‘raia’.

Reclamación de compensacións económicas

Benítez destacou que o AECT reclamará compensacións económicas para as e os traballadores que están afectados polo peche das fronteiras. “Non só hai custes de combustible, senón tamén de tempo. Hai persoas que saen unha hora antes para ir ao seu traballo e, ao estar dúas horas no paso da fronteira, chegan tarde e deben recuperar esas horas perdidas quedando ao rematar a xornada nos seus postos… Iso ten un custe non só económico senón tamén anímico. E xa que non se pode compensar polos problemas psicolóxicos, alomenos polos económicos”, insistiu.

Hai máis de 6.000 traballadores afectados que teñen un custe en tempo e diñeiro para acceder aos seus postos”, concluiu.

Apertura de todos os pasos fronteirizos as 24 horas

Finalmente, Benítez fixo fincapé no ofrecemento de colaboración dos concellos dunha e outra ribeira para a loxística da reapertura dos pasos. Reclamou tamén unha maior coordinación entre os estados e entre estes e os municipios afectados, criticando que moitos alcaldes e alcaldesas se enteraron das últimas modificacións dos pasos pola publicación do boletín portugués en lugar de por unha comunicación oficial directa.

“Queremos a apertura de todos os pasos 24 horas cos controis sanitarios necesarios e só para as persoas que están autorizadas, traballadoras, transportistas… Non queremos que pase ninguén máis das persoas que deben”, insistiu.

También te puede interesar