Comarcas

Segue a Programación Cultural de Verán de Redondela

Asacocirco_Lume (2)A programación cultural de verán de Redondela continúa esta fin de semana con circo e dous días de concertos con música de raíz na praza da Casa da Torre.

O venres 10 de xullo, ás 10 da noite, a compañía ‘Asacocirco’ presentará o seu espectáculo Lume. A compañía está formada por Joao Alvim e Miriam Crespo, dous malabaristas con máis de 13 anos de adestramento, que conseguen impresionantes efectos visuais a través do lume e as luces. É un espectáculo para todos os públicos no que desenvolven diferentes técnicas, efectos visuais e moito humor. Pura acción para divertir e impresionar.

O sábado 11 de xullo, tamén ás 10 da noite, chega a quenda do concerto de Emilio Rúa e as pandeireteiras Xestreu. O músico e cantautor Emilio Rúa e as cantareiras e pandeireteiras Xestreu únense nun proxecto común e compartido, na que unen dous tipos de música: a canción de autor ou moderna coa canción popular ou tradicional.

O proxecto inclúe unha escolma de cancións populares da música galega e outras partes do mundo cunha nova revisión das mesmas,  un novo xeito de divulgar e achegar ás novas xeracións a nosa música.

E o domingo 12 de xullo, á mesma hora, patrocinado pola Deputación de Pontevedra, chega a actuación da orquestra folk ‘Moxenas Musical Galego’. Esta agrupación formouse en Vigo no ano 2003, como homenaxe ao mítico gaiteiro Nazario González “Moxenas” e como continuación do labor que este iniciou no movemento veciñal vigués e  na formación na música tradicional dos rapaces e rapazas das distintas entidades culturais  de Vigo e a súa bisbarra.

Composto por máis de 30 mozos e mozas -con idades comprendidas entre os 14 e os 23 anos-, Moxenas Musical Galego é hoxe, logo de máis de 10 anos de existencia, un proxecto consolidado e un referente no actual panorama da música tradicional galega.

A dirección desta orquestra folk está a cargo do prestixioso músico Xosé Oliveira -compoñente do grupo Noitarega-, que consegue un orixinal formato musical baseado na mestura de instrumentos  tradicionais galegos (gaitas, pandeiretas, tamborís, etc.) con outros contemporáneos (saxo, teclados, baixo eléctrico, violín ou frauta).

Te podría interesar