Destacados Vigo al minuto

Guillerme Vázquez esixe unha explicación a Feijóo pola vindeira moción de censura en O Porriño

rolda de prensa no Porriño.
rolda de prensa no Porriño.

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “esconderse e non dar a cara como líder do PP” para explicarlle aos galegos e galegas “por que o seu partido presenta no Porriño unha moción de censura ilexítima e vergoñenta, contra o BNG, que foi a lista máis votada”.

O líder do BNG compareceu en rolda de prensa xunto co alcalde do Porriño, Raúl Francés, os concelleiros e concelleiras nacionalistas, e o responsábel de Política Municipal do BNG, Manuel Antelo, para transmitirlle o “total apoio” do BNG ao alcalde da vila pontevedresa ante unha moción de censura “totalmente inxustificada e inxustificábel, porque nin hai desgoberno nin hai demanda social desa moción”.

Guillerme Vázquez esixiulle a Feijóo que “explique os motivos polos que se xunta esta gaiola de grilos, e se o PP está utilizando recursos públicos da Xunta e da Deputación de Pontevedra para satisfacer as ambicións persoais dos que levan a cabo a moción”.

Ademais, criticou “a enorme contradicción na que está a incorrer o PP defendendo que goberne a lista máis votada, cando no Porriño é o BNG a formación máis votada”.

Por iso denunciou que “a moción é totalmente inxustificábel e vergoñenta, e iso fai que o señor Núñez Feíjóo cale e outorgue, cando é  o líder do PP, o impulsor da moción”.

Pola súa parte, o responsábel de Política Municipal do BNG, Manuel Antelo, denunciou que “a moción de censura foi decidida dende o despacho do presidente da Deputación de Pontevedra”.

Manuel Antelo considerou “inaceptábel que, nun momento no que os concellos están a pasar moitas dificultades económicas e as deputacións deberían estar ao seu carón apoiándoos, o señor Louzán adicáse a desestabilizar os concellos co único obxectivo de, mediante esta trapallada, asegurarse o seu posto de presidente da Deputación Provincial nas vindeiras eleccións”.

Pola súa parte, o aínda alcalde do Porriño, Raúl Francés, salientou que durante os seis anos e medio que o BNG gobernou no Porriño “fixemos un goberno en positivo, ao servizo público, transparente e no que desapareceu o medo a expresarse en liberdade  e ás discriminacións”. “Iso -advertiu- é un logro no que os  veciños e veciñas do Porriño non van permitir un paso atrás”.

Respeito aos asinantes da moción de censura, que “a presentaron no Concello a través dun notario, como se fosen mercar unha finca ou repartirse unha herdanza”, Raúl Francés advertiu de que “nin se entenden, nin se falan, nin se queren, porque non teñen ningún programa e o único que os move son intereses persoais”.

Neste sentido, o alcalde do Porriño asegurou que “o que lle preocupa aos veciños e veciñas é cantos dos promotores da moción van ter dedicacións exclusiva, cantos van ter postos de traballo noutras administracións, e se van aguantar xuntos até as eleccións de maio de 2011”.

Raúl Francés subliñou que “o BNG deixa a alcaldía do Porriño coa cabeza ben alta e cos petos baleiros”.

Ao igual que fixo o portavoz nacional do BNG, Raúl Francés concluiu anunciando que “o BNG traballará con entusiasmo dende a oposición para nas vindeiras eleccións lograr o apoio dos veciños e veciñas e conseguir a alcaldía do Porriño por maioría”.

También te puede interesar