A. Buendía | vigoalminuto
A Deputación de Pontevedra contará en 2027 cun orzamento de 261,8 millóns de euros, 23,2 millóns máis que no exercicio anterior, o que supón un incremento próximo ao 10%. O presidente provincial, Luis López, presentou este martes unhas contas que reforzan a cooperación cos concellos, o deporte, as infraestruturas e o turismo, e que serán sometidas a aprobación inicial no pleno extraordinario do próximo 6 de novembro.
A cooperación municipal volve concentrar a maior partida, con 81,6 millóns de euros, un 8% máis que en 2026. O documento reserva tamén 44,1 millóns para infraestruturas, 11,2 millóns para deporte, 9,3 millóns para turismo, 6,5 millóns para cultura e 4 millóns para acción comunitaria. A institución prevé, ademais, manter a débeda a cero.
López defendeu que as contas estarán en vigor o 1 de xaneiro se completan a tramitación prevista e destacou que será o cuarto orzamento consecutivo aprobado durante o seu mandato. A presentación estivo marcada tamén pola defensa da estabilidade do goberno provincial.

81,6 millóns para os concellos
O plan +Provincia volverá ser un dos principais instrumentos de financiamento local, con 50 millóns de euros. A Deputación manterá tamén os convenios de colaboración coas dúas cidades da provincia: 5 millóns para Vigo e 2,5 millóns para Pontevedra.
Estas achegas directas complétanse con programas extraordinarios de investimento. Entre eles figuran:
- os plans de infraestruturas deportivas, dotados con 28 millóns de euros
- dous Plans Extra, con 73 millóns
- o Vía Depo, con 8 millóns
- e o Espazo Depo, con 20 millóns.
Segundo o presidente provincial, os distintos programas mobilizaron máis de 325 millóns de euros durante o mandato.
López reivindicou o alcance provincial dos investimentos e citou actuacións previstas en Vigo, como as relacionadas co estadio de Balaídos, o Cine Fraga e o aeroporto de Peinador. En Pontevedra, mencionou o Museo, Santa Clara, Príncipe Felipe, a Bienal e a Vía Verde.
Máis fondos para deporte e estradas
O deporte contará con 11,2 millóns de euros, un 30% máis que en 2026. Entre as medidas anunciadas figura unha segunda convocatoria do programa Prodeporte, con 1,8 millóns para mellorar as instalacións de clubs e entidades, e unha nova liña DepoVan, dotada con 1,1 millóns, para a adquisición de vehículos. Tamén aumentarán un 20% as axudas para bens e servizos e impulsarase un novo circuíto de bicicleta de montaña, BTT Entre Pontes.
As infraestruturas disporán de 44,1 millóns, un 15,6% máis que no exercicio anterior. A partida está destinada, entre outros obxectivos, ao mantemento dos 1.600 quilómetros da rede provincial de estradas.
A Deputación reserva ademais 300.000 euros para avanzar na Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, e outros 300.000 para instalar desfibriladores públicos nos concellos da provincia, dentro do proxecto para converter Pontevedra nun territorio cardioprotexido.
Axudas para asociacións, turismo e cultura
A acción comunitaria aumenta un 20%, ata os 4 millóns de euros. O departamento manterá as axudas ás asociacións veciñais, con 1,73 millóns; ás comunidades de usuarios de auga, coa mesma cantidade, e ás regularizacións das traídas mediante o programa +Novaqua, con 432.000 euros.
O turismo disporá de 9,3 millóns, un 31% máis segundo os datos presentados polo goberno provincial. Entre as partidas anunciadas figuran 550.000 euros para os Rías Baixas Fest, 1,1 millóns para o centro de visitantes do Castelo de Soutomaior e fondos para festas de interese turístico e actividades de dinamización. A Deputación tamén prevé levar a outras cidades, como A Coruña e Porto, as súas accións promocionais a través de vehículos gastronómicos (foodtrucks).
A cultura contará con 6,5 millóns, un 10% máis. O programa Culturea recibirá 1,35 millóns; os concertos en galego do +Música, 770.000 euros; os patrocinios audiovisuais, outros 770.000, e as bandas de música, 390.000. As contas incorporan tamén unha nova liña de axudas para proxectos culturais singulares, tanto de colectivos como de empresas.
Máis apoio ao sector primario e ás emerxencias
As cooperativas agrogandeiras e as confrarías de pescadores disporán de medio millón de euros cada unha, un 42% máis que no exercicio anterior. A partida busca reforzar dous sectores relevantes para a economía provincial.
As agrupacións de Protección Civil contarán con 120.000 euros, un 20% máis, mentres que os Grupos de Emerxencias Supramunicipais recibirán 100.000 euros.
OuTraS NoVaS
- A Deputación de Pontevedra contará con 261,8 millóns en 2027: así repartirá o orzamento entre concellos, estradas e deporte
- David Suárez presenta en Vigo ‘A nadie le importas’, una comedia sobre la fama y el ego
- Convocan una huelga de compras en los supermercados los miércoles antes del 11N
- Galicia crea 21.300 empregos no verán, pero suma 19.400 parados e eleva a taxa ao 9,17 %
- La despedida de Siniestro Total reabre la polémica sobre los conciertos presentados por Abel Caballero





