Galicia

O TSXG condena o Sergas por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador

Fixa unha indemnización de 38.497€ ao empregado da Áera Sanitaria de Vigo

Redacción | Vigo Al Minuto

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou o Sergas por vulnerar os dereitos fundamentais á integridade física e moral dun traballador da área sanitaria de Vigo e fixou unha indemnización de 38.497,80 euros. A Sala do Social considera acreditado o incumprimento das obrigas legais e regulamentarias en materia de prevención de riscos laborais, concretamente no ámbito dos riscos psicosociais.

O empregado incorporouse en 2019 como persoal fixo do Grupo de Xestión da área sanitaria de Vigo. Segundo o relato da CIG-Saúde, desde 2020 denunciou ante os seus superiores unha situación de acoso laboral que se prolongou durante anos.

Así, o traballador repartía a súa xornada entre a Dirección de Atención Primaria e a Dirección de Recursos Humanos. Foi nesta última onde, segundo a organización sindical, comezaron os conflitos, con comentarios despectivos, cambios na asignación das tarefas e falta dun espazo de traballo definido.

A situación derivou, sempre segundo a CIG-Saúde, en modificacións e redefinicións constantes das súas funcións. Posteriormente, a Dirección de Recursos Humanos teríalle retirado o acceso ás aplicacións informáticas necesarias para desenvolver o seu traballo e tamén á información que precisaba para desempeñalo.

A organización sindical asegura que esta situación chegou a ter consecuencias nos centros de saúde. Segundo a CIG, varios profesionais de Atención Primaria non puideron completar a súa alta nos sistemas informáticos, o que dificultou o seu acceso ás listaxes de traballo e acabou provocando problemas organizativos e asistenciais.


Un conflito coñecido desde 2021

A situación foi comunicada en diferentes ocasións á Xerencia e á Dirección de Recursos Humanos. O traballador, apoiado pola CIG, participou durante meses en reunións destinadas a intentar resolver o conflito, pero, segundo o sindicato, a situación de hostilidade mantívose.

O empregado chegou a solicitar asistencia sanitaria e permaneceu de baixa médica en varias ocasións, segundo a información facilitada pola central sindical.

En xullo de 2023, ante a continuidade do conflito, a delegada de prevención da CIG solicitou a apertura do procedemento interno do Sergas para investigar unha posible situación de acoso laboral. A documentación presentada superaba as 200 páxinas.

A comisión encargada da investigación concluíu que non quedaba acreditada a existencia de acoso laboral, aínda que propuxo medidas correctoras destinadas a mellorar o clima de traballo.


A investigación da propia Dirección de Recursos Humanos

Un dos puntos cuestionados pola CIG foi quen se encargou de tramitar a investigación interna. O procedemento foi asumido pola propia Dirección de Recursos Humanos do Sergas en Vigo, na que se integraban varias das persoas sinaladas polo traballador, entre elas dous mandos intermedios e unha directiva.

A organización sindical pediu que a investigación fose trasladada aos Servizos Centrais do Sergas para garantir a súa imparcialidade, unha petición que, segundo a CIG, foi rexeitada.

Finalmente, o traballador optou por acudir aos tribunais para reclamar o cumprimento das obrigas legais en materia de prevención de riscos laborais.

A resolución do TSXG conclúe agora que se produciu unha vulneración de dereitos fundamentais relacionada coa protección fronte aos riscos psicosociais e condena o Sergas ao pagamento dunha indemnización de 38.497,80 euros.


A CIG reclama responsabilidades

A CIG-Saúde cualificou a resolución de “éxito moral” para o traballador e considerou que a sentenza permite poñer fin a unha situación que, ao seu xuízo, era evitable e acabou afectando á súa saúde.

O sindicato considera especialmente grave que a Xerencia e a Dirección de Recursos Humanos coñecesen o conflito desde 2021 e sostén que non adoptaron medidas eficaces para resolvelo.

Por este motivo, reclama que se depuren responsabilidades entre as persoas que, segundo a súa valoración, permitiron que a situación se prolongase. A central sindical subliña ademais que a indemnización terá que ser aboada con fondos públicos.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.