María L. García | O Porriño
O pleno do Porriño aprobou inicialmente este luns o Orzamento Xeral de 2026, que ascende a 26,8 millóns de euros, un 28,66% máis que o exercicio anterior. O documento concentra unha parte importante do incremento no investimento público, con máis de cinco millóns de euros previstos para obras e actuacións no municipio.
A principal partida de investimento corresponde ao saneamento, con 3,9 millóns de euros. O resto dos fondos destinaranse a actuacións en vías públicas e accesibilidade, equipamentos municipais, seguridade, polígonos industriais, instalacións deportivas e educativas, rehabilitación urbana e obras nas parroquias.
O orzamento deberá superar agora o período de exposición pública antes da súa aprobación definitiva.
40.000 euros para tarxetas de alimentos
Entre as partidas sociais figura unha dotación de 40.000 euros para poñer en marcha tarxetas de alimentos destinadas a familias en situación de vulnerabilidade.
As contas reservan ademais 65.000 euros para a construción da futura residencia de maiores de Torneiros.
O Concello mantén tamén as achegas a entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais. En conxunto, estas partidas suman preto de 860.000 euros e inclúen, entre outras organizacións, COGAMI, a Asociación Española contra o Cancro e DisCamino.
O documento incorpora igualmente bolsas para deportistas individuais e axudas vinculadas aos mellores expedientes académicos.
13 millóns para gasto corrente
O capítulo con maior volume de recursos non é o investimento, senón o gasto corrente en bens e servizos, que alcanza os 13,05 millóns de euros.
Nesa cantidade inclúense servizos como a axuda no fogar, o mantemento dos centros educativos e deportivos, o funcionamento das escolas infantís, a limpeza viaria e o subministro eléctrico.
O capítulo de persoal ascende a 6,52 millóns de euros. Segundo o Goberno local, mantéñense conxeladas as retribucións e dedicacións dos membros da Corporación.
O Goberno local atribúe o aumento dos ingresos ás transferencias doutras administracións
O Goberno municipal asegura que o incremento da capacidade de gasto non vai acompañado dunha subida xeral dos impostos e taxas municipais.
Unha parte relevante dos ingresos procede das transferencias doutras administracións. Segundo os datos facilitados polo Concello, Estado, Xunta e Deputación de Pontevedra achegarán en conxunto 9,6 millóns de euros en transferencias correntes.
O Executivo local vincula tamén a maior dispoñibilidade orzamentaria á cancelación dos préstamos municipais e á regularización de obrigas pendentes dos últimos exercicios.
OuTraS NoVaS
- O Porriño aproba un orzamento de 26,8 millóns de euros con 5 millóns para investimentos
- El alcalde dice que puede cortar el agua a Baiona y Nigrán y la Xunta avisa de que intervendrá para garantizar el suministro
- Caballero propone, por séptima vez, que Xunta y Diputación paguen a las compañías aéreas para que vuelen desde Peinador
- Desde octubre, dormir en la ciudad le costará a cada turista 1,09€, de media
- Eiras abastecerá a Baiona desde este lunes, ante sus problemas de suministro





