
O ciclo estival Solpores da Rebullón alcanza o seu ecuador este xoves, 30 de xullo, cun concerto que promete converter o recinto nunha auténtica pista de baile. A partir das 21:00 horas, o escenario exterior acollerá a actuación de GOOD GOD!, unha formación que reivindica a esencia da música negra a través dun directo cargado de soul, funk e disco. Como é habitual no ciclo, o acceso será mediante o sistema de billeteira inversa.
GOOD GOD! toma o seu nome da expresión popularizada polo mítico James Brown, unha exclamación que resume á perfección a intensidade e a enerxía que caracteriza á banda. O proxecto está encabezado polo compositor, cantante e guitarrista galaicoalemán Abel Trigó, un músico cunha sólida formación no jazz e unha ampla traxectoria profesional.
Ao longo da súa carreira participou en programas de radio e televisión, entre eles El Intermedio, formou parte de distintas Big Bands e colaborou con artistas como Martha High, histórica corista de James Brown. Na actualidade é músico residente en dous dos clubs de referencia da escena madrileña: o Café Berlín e o Recoletos Jazz Club.
Para este proxecto reuniu tres músicos afincados en Galicia: Pedro Gregorio, aos teclados; Lucas Fernández, ao baixo; e Roi Adrio, á batería. Xuntos conforman un cuarteto que aposta por un son fresco, potente e plenamente centrado no funk & groove.
Durante o concerto, o público poderá gozar dun repertorio que percorre algúns dos grandes nomes da música negra, con interpretacións de clásicos de Al Green, Curtis Mayfield ou James Brown, nun espectáculo pensado para que o baile sexa o verdadeiro protagonista da noite.
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
- 30 de xullo: GOOD GOD!
- 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
- 12 de agosto: ECLIPSOUND
- 13 de agosto: CHOP CHOP
- 20 de agosto: EXERIA
- 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN
OuTraS NoVaS
- Las playas de Ribeira, Santa Marta y A Ladeira, en Baiona reabren al baño
- La Atención Primaria de Vigo agrava su crisis en verano: citas con cuatro semanas de espera
- “Mientras Caballero coloca luces en julio, las alcaldesas de A Coruña y Santiago trabajan por sus aeropuertos”
- Nigrán converterá os antigos cines da Ramallosa nun espazo con auditorio e sala de proxeccións
- Hallan muerta a Carmen López Rebolo, la joven desaparecida en Lugo el pasado 21 de julio





