A Deputación de Pontevedra destinará máis dun millón de euros a dous proxectos estratéxicos en Redondela: a renovación integral da avenida Ernestina Otero e do paseo da Xunqueira e a construción dun novo edificio destinado a museo e salas polivalentes. Así o anunciou este martes o deputado provincial Alejandro Lorenzo durante unha visita ao municipio.
A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres unha achega de 660.000 euros para financiar ao 100 % as obras de mellora da avenida Ernestina Otero e da súa continuación polo paseo da Xunqueira. Ademais, o organismo provincial aprobará preto de 420.000 euros para a construción dunha nova edificación cultural na avenida Mendiño, o que supón arredor do 40 % do orzamento total desta actuación.
Ambos proxectos forman parte do Plan +Provincia 2026-2027, que permitirá a Redondela recibir preto de 2,2 millóns de euros entre as distintas liñas de financiamento previstas para os dous exercicios.
Ernestina Otero e o paseo da Xunqueira
No caso da actuación en Ernestina Otero e no paseo da Xunqueira, o Concello acometerá unha transformación integral do espazo urbano desde o Paseo da Portela ata o Salgueiral. O proxecto inclúe a renovación da pavimentación, a mellora da accesibilidade, a instalación de novo mobiliario urbano, a modernización da iluminación pública e a creación e mellora de zonas verdes.
Entre as actuacións previstas destaca a implantación de medidas para reducir a velocidade do tráfico rodado nunha zona onde se detectaron excesos de velocidade. Tamén se elevará a calzada nalgúns puntos ata o nivel das beirarrúas para mellorar a seguridade peonil e unificarase o espazo mediante o uso de pedra natural.
A intervención contempla ademais a substitución das antigas luminarias por tecnoloxía LED, a adaptación dos alcorques para evitar danos provocados polas raíces das árbores sobre o pavimento e a reposición dos exemplares vexetais que se atopen en mal estado. Tamén se procederá á renovación da capa de rodaxe ao longo do percorrido.
Antiga vivenda de mestres
Por outra banda, Redondela avanzará na creación dun novo equipamento cultural na coñecida como antiga vivenda de mestres, situada na Avenida Mendiño. O proxecto prevé a construción dun edificio destinado a museo e salas polivalentes. A antiga edificación xa foi demolida tras concluír que a súa substitución era a alternativa máis adecuada desde o punto de vista técnico e económico.
Durante a súa visita, Alejandro Lorenzo salientou que os fondos provinciais permiten aos concellos desenvolver actuacións que responden ás necesidades da veciñanza. O deputado subliñou que os proxectos foron seleccionados polo propio goberno local e que a súa execución responde ao modelo de colaboración institucional que, segundo indicou, respecta a autonomía municipal.
OUTRAS NOVAS
- El Concello mantiene sin autorización la pantalla del España-Bélgica, tras recibir la documentación complementaria de la Diputación
- La pantalla gigante de la Praza da Estrela para ver el España-Bélgica, en duda tras el aviso del Concello a la Diputación
- Vigo activa los preparativos de la Navidad con un contrato de 610.000€ para la decoración luminosa
- Vigo prohíbe la música en directo en los chiringuitos, mientras Nigrán sí la permite con límites
- El PAC de Cangas, al límite: denuncian falta de médicos, más presión asistencial y derivaciones desde Moaña






