O Concello do Porriño iniciou esta semana os traballos de reforma interior do que será o único cine municipal da comarca, situado no Centro Cultural da localidade. Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que ten como obxectivo reforzar a oferta cultural e achegar o cinema á veciñanza sen necesidade de desprazamentos fóra do municipio.
A actuación conta cun orzamento de 251.739,60 euros, financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, e suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio. A intervención permitirá adaptar os actuais espazos de auditorio, escenario e camerinos para crear unha sala moderna, versátil e tecnoloxicamente avanzada, con capacidade para 170 butacas.
Transformación radical
O proxecto contempla a redistribución completa do espazo, coa eliminación do escenario elevado e dos camerinos traseiros, así como a mellora acústica e estética das paredes mediante sistemas de illamento e acabados en madeira. Ademais, renovaranse as butacas para facilitar distintos usos da sala, que poderá acoller tanto proxeccións cinematográficas como conferencias, charlas e outras actividades culturais. Tamén se incorporarán novas instalacións de iluminación e son, aproveitando os sistemas de climatización existentes.
O equipamento audiovisual xa foi adquirido, cun investimento próximo aos 100.000 euros subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. A futura sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, unha pantalla profesional de cinco por tres metros con tiro directo, un servidor cunha capacidade de almacenamento de 16 terabytes e un avanzado sistema de son envolvente, o que permitirá ofrecer estreas de cinema e unha experiencia audiovisual de alta calidade.
As obras teñen unha duración estimada de seis meses e permitirán converter este espazo nun equipamento cultural multifuncional, chamado a dinamizar a actividade do Centro Cultural e a contribuír ao fortalecemento do tecido cultural, social e económico do Porriño.
Outras novas
- Circo, humor y lleno total: Vigo celebra este fin de semana el Día Mundial del Circo
- Vigo proyecta cubrir tramos de la AP-9 con parques y ascensores para “coser la ciudad”
- La Diputación respalda la promoción en origen para reactivar Peinador y rechaza limitar su operativa
- El PP de Vigo carga contra Caballero: “Las calles están sucias y el premio de limpieza no es real”
- Empresas fantasma y altas laborales falsas: así se cobraron 162.000€ en prestaciones de la Seguridad Social





