Chapela conta desde esta semana cun novo espazo público pensado para o paseo, o encontro e a mobilidade sostible. A segunda fase da Vía Verde, xa aberta ao uso, suma 2.300 metros cadrados de novo percorrido peonil que dá continuidade á transformación da antiga vía do ferrocarril nun corredor verde de lecer e tránsito seguro.
Unha nova praza
O novo tramo arrinca nas inmediacións do Skatepark, continúa en dirección a Redondela e incorpora unha praza de conexión que comunica por fin os dous treitos do camiño Real Angorén, separados até agora pola vía férrea. Ademais, no extremo da senda instalouse unha zona de descanso con bancadas e pérgola, concibida como punto de encontro para as persoas que pasean, fan deporte ou simplemente buscan un espazo de tranquilidade.
O deseño do tramo mantén a liña da primeira fase, con bancos distribuídos ao longo do percorrido e unha integración co entorno que permite gozar dun paseo cómodo e afastado do tráfico. Os traballos, executados por Construcciones Castro, contaron cun investimento de 277.500 euros, financiados a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.
Outras novas
- La Praza do Rei será irreconocible: así desaparecerá la actual plaza del Concello
- O BNG acusa a Caballero de converter o Concello nunha «estafa piramidal» tras executar só o 27% do orzamento
- Vigo abre su visor submarino al público: cuándo visitar gratis ‘Atlántida’ y qué podrás ver bajo la ría
- Tras o Mundial chegan as Olimpíadas… ao Porriño: Porrigalia xa está lista
- El Vigo Arena se construirá en Teis: un recinto para 16.000 personas transformará Guixar
Segunda fase
A primeira fase da senda, inaugurada en 2021, supuxo un investimento de 778.000 euros e conecta o antigo apeadoiro coa cidade de Vigo. A isto engádese o Skatepark, considerado un dos mellores da área metropolitana, cun custo de 357.894 euros, e a remodelación do Campito e da alameda Rosalía de Castro, que supuxeron 600.000 euros adicionais.
En total, segundo sinala o goberno local, esta zona da parroquia leva acumulados máis de 2 millóns de euros en investimentos durante os últimos catro anos, con actuacións orientadas a mellorar a calidade de vida e ofrecer novos espazos de convivencia, lecer e actividade física para toda a cidadanía.





