O Bloque Nacionalista Galego propón a prohibición de novas vivendas de uso turístico (VUT) en Vigo durante os próximos 5 anos diante da continua suba dos alugueiros. O portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, demanda actuar con celeridade para poñer freo a este «fenómeno ultraespeculativo» que, advertiu, representa a maior dificultade para acceder a unha vivenda a prezos accesíbeis.
De 220 en 2018 a 2.300, este 2025
Igrexas alertou de como a proliferación de VUT —que pasaron de apenas 220 en 2018 a preto de 2.300 na actualidade— está agravando a «emerxencia habitacional» na cidade, con prezos cada vez máis caros, maiores esixencias de acceso por parte das persoas propietarias e un número cada vez menor de inmóbeis en oferta para uso residencial. En Vigo hai xa 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugar.
Alugueiros de 670€, de media
«O Concello non pode permanecer máis tempo impasíbel mentres a especulación engule a vivenda, encarecendo os prezos a niveis imposíbeis e expulsando a moitas familias traballadoras e mocidade que non se poden permitir seguir vivindo na súa propia cidade», defendeu o portavoz municipal do Bloque.
Os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo constatan esta escalada dos prezos en Vigo, cun custe medio de case 670 euros ao mes, e cun aumento dos alugueiros en case un 30% no último lustro. En paralelo, o número de VUT continúa a crecer na cidade, sendo xa o 40% do total das sete cidades galegas e situando Vigo como a urbe co maior aumento no conxunto do Estado español.
Tamén en vigoalminuto
- Alertan da falta de control do benceno en Galicia e reclaman medidas urxentes á XuntaADEGA denuncia que industrias próximas a zonas habitadas non monitorizan este composto e advirte do risco para a saúde
- Vigo abre al público su patrimonio industrial con rutas, debates y actividades por toda la ciudadDos semanas de jornadas impulsadas por colectivos ciudadanos buscan proteger espacios históricos
- Alerta por la estafa del “hijo en apuros”: denuncias con pérdidas de hasta 70.000 eurosLa Guardia Civil advierte del aumento de este fraude por WhatsApp, en la provincia de Pontevedra
- Retrasos en el Alvia Vigo-Barcelona y en el regional Vigo- A CoruñaProblemas técnicos y operativos afectan a varias conexiones desde la ciudad en pleno cierre de la estación de Guixar por obras
- El alcalde culpa a la Xunta de, al menos, veinte cosas que van mal en VigoDel retraso del instituto de Navia, al hundimiento del campo de la ETEA, pasando por el túnel de Elduayen o el Cine Fraga
- Polémica en Vigo entre Xunta y Concello, por la entrega de un piso protegido en el Casco VelloLa concejala de Urbanismo califica el acto de “ridículo”
Ordenanza e restricións
Dende o BNG van propoñer por estes motivos, no vindeiro Consello da Xerencia de Urbanismo, a creación dunha comisión para elaborar unha ordenanza municipal que permita regular e restrinxir os pisos turísticos. A ese respecto, o voceiro nacionalista tachou de insuficientes as previsións recollidas no novo Plan Xeral, única medida anunciada polo Goberno local. «A propia xurisprudencia estabelece como imprescindíbel dotarse dunha norma específica, como xa fixeron outras cidades«, afirmou Igrexas.
Tomar «decisións drásticas»
Para o portavoz do Bloque é necesario tomar «decisións drásticas» ante a gravidade do problema de acceso á vivenda en Vigo, entre elas a prohibición de novas VUT mentres non se recupera a oferta de alugueiro residencial e se pon freo á escalada de prezos. «Fronte á actual política de barra libre para os pisos turísticos o BNG dicimos que hai que pechar a billa e hai que facelo xa», insistiu, asegurando que «hai que meter en cintura un sector que se está cebando con enormes beneficios a costa de impedir o acceso da maioría social a un dereito básico como a vivenda».
Na mesma liña, a fronte nacionalista chamou a intensificar o control e inspeccións dos pisos turísticos existentes na cidade para verificar que contan con licenza e comprobar se cumpren a normativa en materia de accesibilidade e habitabilidade.






