Galicia terá este ano un total de 108 praias en 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada seis bandeiras concedidas en todo o Estado (642) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 143) e Andalucía (138).
Dos 108 areais galegos galardoados na presente edición, cómpre subliñar que O Mende, en Vigo, recibe este distintivo por primeira vez e Samil o perde. Ademais, outros dous—Grande, en Miño, e San Francisco, en Muros— recuperan este ano a bandeira que non luciron en 2024.
O Liceo Marítimo de Bouzas e o visor submariño Nautilus
Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 101 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 12 están en Galicia, unha máis que na pasada edición, xa que entra na listaxe o Liceo Marítimo de Bouzas, un porto que, ademais, se estrea entre os galardoados.
De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza e de mar, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental en municipios relacionados co programa Bandeira Azul. Dos 92 centros azuis que haberá este ano en todo o país, 17 están en Galicia, que é a segunda comunidade con máis distincións neste eido, só por detrás de Valencia (con 23).
Neste apartado, destaca a incorporación do Museo-Centro de interpretación Mar do Sorrizo, en Arteixo, e do visor submarino Nautilus, localizado nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo, xa que se estrean en ambos casos como centros azuis.
Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
Datos a nivel provincial
Por provincias, Pontevedra concentra un ano máis o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 53 que recaen noutras tantas praias e 7 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 39 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.
Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que en 2024. O concello pontevedrés recibe, ademais, 3 distincións para outros tantos portos e terá tamén 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, a cidade galega que recibe máis bandeiras para as súas praias (12) e o segundo municipio de España nesta clasificación, ademais de ter tamén 1 porto e 1 centro recoñecidos; e o de Baiona, con 5 praias, 1 área portuaria e 1 centro azul.
Outras novas
- El alcalde cree que el traslado de pacientes al nuevo centro de salud de la rúa Lalín, “está mal programado”Tras conocerse la oposición de profesionales y usuarios al cierre del Nicolás Peña
- Investigan al conductor de un camión que se salió de la vía y multiplicaba por siete la tasa de alcoholemiaSucedió en la AP-9, este miércoles a última hora
- Un clásico: sube el precio de la gasolina, coincidiendo con el inicio de las vacacionesCon todo, llenar el depósito es más barato que hace un año
- En marcha as obras de remodelación das avenidas de Puxeiros e do Rebullón, en MosContarán cun orzamento de preto de 1,3 millóns e estarán rematadas en 2026
- Diogo Jota, jugador del Liverpool, muere en un accidente de tráfico en ZamoraIba en el el coche con su hermano André, que también ha fallecido
- Abel Caballero pierde votos, pero mantendría una holgada mayoría absoluta, con 18 concejalesEl BNG es el único partido que subiría en apoyo electoral y sería la segunda fuerza de la ciudad
A Coruña e Lugo
Así mesmo, na provincia da Coruña, Arteixo volve concentrar o maior número de bandeiras, con 6 praias e 1 centro azul; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —5 praias distinguidas ademais de 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 bandeiras azuis—.
Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, 5 en total; seguido de
Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira e o único
porto distinguido nesta provincia; e Barreiros e O Vicedo, con 2 areais cada un.
Sendeiros azuis
Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por cuarto ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de Bandeira Azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna. Galicia concentra 54 dos 154 itinerarios galardoados este ano en todo o país —cinco máis que os que tiña en 2024— e segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis.
En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 191 galardóns, balance que a sitúa como a terceira comunidade que concentra máis recoñecementos, por detrás de Valencia (213) e Andalucía (196).