Destacados Vigo al minuto

O xulgado rexeita a demanda de propiedade dos comuneiros dunha parcela na contorna do Ifevi

A resolución cuestiona a validez do plano de 1891 na que se baseaba a reclamación

O xulgado rexeita a demanda de propiedade dos comuneiros dunha parcela na contorna do Ifevi

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Vigo acaba de rexeitar a demanda interposta pola Comunidade de Montes de Santa Mariña de Cabral para “facerse cunha nova parcela particular” na contorna do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), en concreto, cun terreo duns 3.000 m2 situado a carón da zona de aparcamento exterior, apuntan dende a Plataforma Galega de Afectados polas Comunidades de Montes.

O predio pertence dende 1996 a Ramón Arines, que o adquiriu aos seus antigos donos para reconstruír a vivenda derruída alí existente e trasladarse á mesma. “O soño durou pouco tempo, pois, segundo explica, viuse obrigado a parar as obras no inmoble pola presión dos comuneiros, empeñados en facer unha permuta, e polas sucesivas accións intimidatorias que sufriu, como un incendio ou o derribo parcial do muro de peche”.

O plano de 1891 presentado pola Comunidad de Montes, sen valor

A resolución xudicial entende que non existe proba suficiente para situar o terreo en disputa dentro do perímetro comunal de Cotogrande e que o plano de 1891 en que baseou a súa demanda a Comunidade de Montes “ten un valor máis que dubidoso para identificar o monte e acreditar o aproveitamento da parcela por parte da parroquia de Cabral”.

A sentenza considera relevante a transformación física desta zona co paso dos anos, coa construción da autopista e os seus nós de acceso, e as explanacións derivadas da habilitación do recinto feiral, “que permiten cuestionar que persistan na actualidade vestixios físicos que poidan extrapolarse dende o século XIX”.

Incide tamén nas diferencias na grafía do perímetro do monte entre os distintos planos existentes, o de 1891, o do deslinde feito polo Concello de Vigo en 1988 e os da resolución de clasificación do Xurado Provincial e o presentado por un técnico de 1989. “O plano de 1891 no que a demandante basea a súa tese _matiza o Xulgado_ supera en máis dun 50% a superficie tida en conta polo tribunal cualificador e polo Concello”.

Fronte a iso, o demandado achegou títulos de dominio da propiedade do terreo que se remontan aos anos 40 do século pasado.

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Dáse a circunstancia de que recentemente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revocou unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que ordenaba a catro empresas deixar as súas propiedades no Gorxal en favor da Comunidade de Montes de Cabral. Aquela resolución cuestionou tamén que o mesmo plano de 1891 servira para probar a veracidade do aproveitamento consuetudinario do monte veciñal.

A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes aplaudiu o novo fallo xudicial, “tanto porque outorga algo de racionalidade a un conflito que case sempre se está a inclinar a favor dos comuneiros, como porque neste caso supón un grande alivio ao calvario que está a pasar o dono da parcela dende hai case tres décadas”.

“Expulsar aos actuais propietarios”

A Platafoma insiste en que “o argumento das comunidades de montes para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais propietarios é sempre o mesmo: que a propiedade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os particulares afectados, como o caso de Ramón Arines, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás”.

También te puede interesar