Comarcas

A Deputación pon en marcha o novo servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos

E xa ten unha nova web onde facer calquera consulta sobre a materia

A Deputación pon en marcha o novo servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos

A Deputación de Pontevedra deu comezo ás visitas do Servizo de vixilancia, inspección e control de xestión de residuos (SEVIC), ao que se adheriron xa 15 concellos da provincia (A Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cangas, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz- Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño) e que axudará aos Gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación nesta materia.

Espazos limpos

En concreto, comezaron xa as visitas aos comercios de Baiona e Barro, co fin de que sexan parte activa na xestión responsable dos biorresiduos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e ao fomento de espazos más limpos e saudables para todos os seus habitantes. A través destas visitas, que se
desenvolverán ao longo das vindeiras semanas en todos os concellos adheridos ao servizo, estase a
proporcionar aos establecementos comerciais orientación sobre as mellores prácticas para a separación e manexo adecuado dos residuos, así como facéndolles entrega de materiais educativos.

Ademais, tamén se pretende aproveitar as visitas para recadar información para avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente, na correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións e garantir a súa recollida separada.

Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas e serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que terán a consideración de axentes da
autoridade.
Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da
presunción de certeza a efectos probatorios.

Nova web de residuos

A Deputación de Pontevedra está a desempeñar un papel fundamental na promoción de prácticas sostibles co fin de reducir o seu impacto ambiental. Nesa liña, a institución acaba de poñer en marcha unha nova web de residuos no portal provincial, á que podes acceder premendo AQUÍ .

Nela, pode atoparse información sobre os diferentes programas que ten en marcha nesta materia, como o propio SEVIC, a compostaxe local; os programas de formación, o servizo de retirada de vehículos abandonados ou o programa educativo Ponte a Zero. Ademais, na nova web poden consultarse diferentes normativas neste ámbito, así como guías e manuais que ofrecen instrucións paso a paso, consellos e estratexias para que concellos, empresas e cidadanía xestionen os residuos de maneira eficaz e respectuosa co medio ambiente.

También te puede interesar