Deportes

Ecoloxistas piden á Federación Española que a cidade do Celta en Mos non sexa subsede do Mundial 2030

“Por ser ilegal”

Ecoloxistas piden á Federación Española que a cidade do Celta en Mos non sexa subsede do Mundial 2030

A Real Federación Galega de Fútbol propuxo a Cidade Deportiva Afouteza do Real Club Celta en Mos como unha das catorce subsedes escollidas para os centros de adestramento  e celebración de amigables de fronte ao Mundial de Fútbol 2030 que organizarán España, Portugal e Marrocos.

Ante a visita prevista por parte dos seus técnicos da RFEF ás instalacións de Afouteza, Ecoloxistas en Acción emitiu unha carta á Federación española solicitandolle que non designe como subsede estas instalacións deportivas “por ser ilegais”.

Zona forestal de especial protección

Na carta, a organización ecoloxista sinala que “a construción da cidade deportiva foi realizada en montes comunais, terreo forestal de especial protección, en ausencia de tramitación previa dun Plan Especial de Dotación e Infraestrutura”. 

Ademais, engaden os ecoloxístas, “o informe do Xefe do Servizo de Urbanismo do Concello de Mos reflectía que as obras executadas non se axustaron aos proxectos licenciados, senón que “excederon con moito o permitido polas licenzas, xa que se construíu unhas instalacións privadas cun edificio de case 3.000m2, cando pola cualificación do chan rústico de especial protección só podían construírse uns pequenos vestiarios e almacéns”. 

Licenzas anuladas pola xustiza

Ecoloxistas en Acción trasladou a RFEF que se trata, por tanto, dunha “obra ilegal“, cuxas licenzas foron anuladas por sentenza do Xulgado do Contencioso – Administrativo 3 de Pontevedra e confirmada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Pór tanto declarada ilegal en sentenza firme”.

“Branquear unha ilegalidade e un atentado ambiental”

Para Ecoloxistas en Acción coa decisión de propoñer Afouteza como subsede do Mundial 2030, a Real Federación Galega de Fútbol está “a branquear unha ilegalidade urbanística e un atentado ambiental“. 

Ademais, subliñan desde a organización ecoloxista que, se finalmente Vigo é sede do mundial, hai outras instalacións deportivas na provincia de Pontevedra tanto ou mellor equipadas que Afouteza, que si cumpren coa legalidade urbanistica e que ademais son públicas.

‘Esperamos que á hora de inspeccionar Afouteza, a Federación Española de Fútbol teña en conta estes feitos e desestimen a proposta de designación como subsede, evitando así un grave dano á imaxe da institución máis importante do fútbol español”, declara Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción Vigo.

También te puede interesar