Destacados Vigo al minuto

O BNG reivindica o “paso de xigante” que deu nas Eleccións e o alcalde non fai aurocrítica polo mal resultado do PSOE

O Bloque gañou en 232 das 372 mesas electorais de Vigo

O BNG reivindica o "paso de xigante" que deu nas Eleccións e o alcalde non fai aurocrítica polo mal resultado do PSOE

O Bloque Nacionalista Galego reivindicou onte o seu “salto de xigante” en Vigo nas eleccións galegas deste pasado domingo. Por primeira vez na historia, o BNG foi a forza máis votada na cidade, con 56.820 votos e un incremento de 14 puntos na maior urbe galega.

“Este resultado histórico do BNG foi chave para que, en termos xerais, case 6 de cada 10 viguesas e vigueses enviaran un rotundo non ás políticas de abandono e maltrato aplicadas nos últimos 15 anos polo PP en contra da nosa cidade”, valorou o seu portavoz municipal. Xabier P. Igrexas engadiu que o líder do Partido Popular, Alfonso Rueda, ten que tomar “boa nota” do que aconteceu na nosa cidade.

Dúas deputadas e un deputado de Vigo

“Dende o BNG imos defender con inda máis forza no Parlamento de Galiza, onde por primeira vez contaremos con 3 deputadas e deputados da nosa cidade en Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova, que van ser a voz firme para defender Vigo”, destacou, considerando considerou que este resultado “histórico” do Bloque amosa que “Vigo non quere máis do mesmo”.

O dobre de votos que os socialistas e o “seu candidato fake”

Igrexas subliñou, tamén, como o BNG case duplicou o resultado do “candidato fake”en relación ao papel de Abel Caballero protagonizando como alcalde a campaña PSdG en Vigo. “A pasada semana Caballero pedía nunhas declaracións a Ana Pontón que me desautorizase como portavoz municipal do BNG, mais é claro a quen desautorizaron as viguesas e os vigueses nas urnas, afirmou.

Tendencia á alza do BNG en Vigo

Así, os nacionalistas poñen en valor a tendencia á alza na cidade nos últimos comicios, triplicando a representación no Concello nas municipais do pasado maio e aumentando o número de votos nun 45% nas eleccións xerais de xullo. “É claro que o BNG non ten teitos nin en Galiza nin en Vigo”, reivindicou o voceiro do Bloque, quen asegurou que este domingo “non acabou nada”.

“Este resultado histórico fai que o BNG esteamos con máis forza do que nunca, para facer un mellor e máis intenso labor de oposición, para seguir a defender os intereses da maioría social, para seguir construíndo unha Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, con máis benestar social para todos e todas, con Vigo como motor dese cambio galego, remachou Igrexas.

O PSOE decrece dende o goberno de Touriño

Pola súa banda o alcalde, fixo a análise das Eleccións galegas no canle televisivo Cuatro. Ao seu xuízo, o Partido Socialista está nun camiño decrecente dende o Goberno de Emilio Pérez Touriño -que rematou en 2009-. Abel Caballero, cré que o erro foi cambiar de candidato en cada una das últimas cinco eleccións e declarouse contrario ao “canibalismo político”, asegurando que “hai que dar a oportunidade ao novo candidato-en referencia a Besteiro- de que defenda o seu proxecto político no Parlamento”.

“Vigo 7 puntos por riba de calquera cidade de Galicia”

Logo de negar calquera responsabilidade das políticas de Pedro Sánchez no afundimiento do voto ao PSdG-PSOE, Caballero negou que se poidan extrapolar os resultados dunhas eleccións a outras ou entre territorios do Estado. Tampouco fixo autocrítica algunha do resultado do seu partido en Vigo (perde preto de 13.500 votos e 12 puntos de apoio electoral, en relación con 2020), logo de que asumise en persoa a campaña socialista a nivel local. Neste sentido, o alcalde aseguou que os socialistas “en Vigo temos 7 puntos por riba de calquera outra cidade” -algo que non é exacto, posto que a diferencia é de 2,4 puntos en relación con Lugo; 5,09 con Ferrol; 5.87 coa Coruña ou 6,6 con Pontevedra-, tampouco comentou que Vigo fose a cidade galega onde o PSOE perde máis porcentaxe de voto: 11,92 puntos (fronte aos 9 de Ourense; 5,35 de Pontevedra; 4,4 de Ferrol; 3,45 de A Coruña; 3.07 de Santiago e 0,58 puntos de Lugo).

También te puede interesar