“Estamos moi cerca do cambio”, clama Ana Pontón nun mitin multitudinario en Vigo

“Que ningún voto do cambio quede na casa, o próximo domingo”

"Estamos moi cerca do cambio", clama Ana Pontón nun mitin multitudinario en Vigo

Cheo no Auditorio Mar de Vigo no que foi, ata hoxe o acto máis multitudinario do Bloque Nacionalista Galego nesta campaña. “Estamos moi cerca do cambio”, así o proclamou a candidata á Presidencia, Ana Pontón, quen animou a “toda esa maioría social” que quere deixar atrás 15 anos de “nefasto legado” do Goberno do PP, a que acuda a votar masivamente este próximo domingo unindo todo o voto de cambio na papeleta do Bloque.   

Un tempo novo

“Este é o momento de que todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza, votasen o que votasen noutras eleccións, aposten todo á papeleta do BNG”, asegurou no mitin de Vigo, convencida de que a súa formación representa “a ilusión e a esperanza” de toda a xente que quere construír unha Galiza mellor e con futuro para todos e todas.

Nun auditorio ateigado, a candidata á Presidencia apuntou á corrente de ilusión e de esperanza que se está concentrando arredor do BNG para a partir do domingo empezar a erguer “a Galiza que queremos e que soñamos”. Unha pulsión de simpatía e “de fame de cambio” que “medra día a día” e que dixo percibir en cada acto da campaña, na rúa e nas redes sociais.

Por iso, considerou clave que ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda o próximo domingo”, e que todo ese apoio se una na papeleta do Bloque porque o futuro de Galiza pode decidirse por uns poucos votos.

Presidenta Pontón

“Unha presa de votos pode determinar se o próximo presidente se apelida Rueda ou se a próxima presidenta se apelida Pontón”, afirmou para deixar claro que nestas eleccións só hai dúas alternativas: ou seguir cun PP que xa demostrou que “nin ten xestión que defender, nin proxecto que ofrecer” e que nos deixa un País “peor e máis pequeno”, ou abrir un tempo novo para “construír unha Galiza en grande”.   

“Desde a humildade, pídolles aos galegos e ás galegas que me permitan ser a súa presidenta, que me permitan demostrarlles que o podemos facer mellor e que podemos poñer en marcha unha Galiza de presente e de futuro”, apuntou apelando a toda a xente que está esperanzada co cambio.

Un ateigado Auditorio Mar de Vigo, acolleu o mitin de Ana Pontón, este xoves

Facer historia

Neste sentido, animou a esa maioría social a “facer historia” coa “primeira muller presidenta” e co “mellor goberno de todos os tempos”, con capacidade, con ambición e cun proxecto de País deseñado para “mellorar a vida da xente”, fronte a un PP que non só recortou nos servizos públicos en beneficio do sector privado, senón que, ademais, deixa 27.600 empregos destruídos na industria e 26.100 no sector primario, todo isto no medio dunha sangría demográfica, con 100.000 habitantes menos que en 2009.

Defender a Sanidade e a Educación Públicas

“Eu quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade e a educación públicas, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo”, destacou no mitin, no que tamén interviñeron o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, as candidatas Carmela González e Alexandra Fernández, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e que contou co histórico Xosé Manuel Beiras, entre os asistentes.

También te puede interesar