Cheo no Auditorio Mar de Vigo no que foi, ata hoxe o acto máis multitudinario do Bloque Nacionalista Galego nesta campaña. «Estamos moi cerca do cambio», así o proclamou a candidata á Presidencia, Ana Pontón, quen animou a «toda esa maioría social» que quere deixar atrás 15 anos de «nefasto legado» do Goberno do PP, a que acuda a votar masivamente este próximo domingo unindo todo o voto de cambio na papeleta do Bloque.
Un tempo novo
«Este é o momento de que todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza, votasen o que votasen noutras eleccións, aposten todo á papeleta do BNG», asegurou no mitin de Vigo, convencida de que a súa formación representa «a ilusión e a esperanza» de toda a xente que quere construír unha Galiza mellor e con futuro para todos e todas.
Nun auditorio ateigado, a candidata á Presidencia apuntou á corrente de ilusión e de esperanza que se está concentrando arredor do BNG para a partir do domingo empezar a erguer «a Galiza que queremos e que soñamos». Unha pulsión de simpatía e «de fame de cambio» que «medra día a día» e que dixo percibir en cada acto da campaña, na rúa e nas redes sociais.
Por iso, considerou clave «que ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda o próximo domingo», e que todo ese apoio se una na papeleta do Bloque porque o futuro de Galiza pode decidirse por uns poucos votos.
Presidenta Pontón
«Unha presa de votos pode determinar se o próximo presidente se apelida Rueda ou se a próxima presidenta se apelida Pontón», afirmou para deixar claro que nestas eleccións só hai dúas alternativas: ou seguir cun PP que xa demostrou que «nin ten xestión que defender, nin proxecto que ofrecer» e que nos deixa un País «peor e máis pequeno», ou abrir un tempo novo para «construír unha Galiza en grande».
«Desde a humildade, pídolles aos galegos e ás galegas que me permitan ser a súa presidenta, que me permitan demostrarlles que o podemos facer mellor e que podemos poñer en marcha unha Galiza de presente e de futuro», apuntou apelando a toda a xente que está esperanzada co cambio.

Facer historia
Neste sentido, animou a esa maioría social a «facer historia» coa «primeira muller presidenta» e co «mellor goberno de todos os tempos», con capacidade, con ambición e cun proxecto de País deseñado para «mellorar a vida da xente», fronte a un PP que non só recortou nos servizos públicos en beneficio do sector privado, senón que, ademais, deixa 27.600 empregos destruídos na industria e 26.100 no sector primario, todo isto no medio dunha sangría demográfica, con 100.000 habitantes menos que en 2009.
Defender a Sanidade e a Educación Públicas
«Eu quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade e a educación públicas, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo», destacou no mitin, no que tamén interviñeron o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, as candidatas Carmela González e Alexandra Fernández, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e que contou co histórico Xosé Manuel Beiras, entre os asistentes.

