Comarcas

800.000€ do ‘Plan+Provincia’ da Deputación para contratar a 81 persoas desempregadas

Traballarán na conservación e funcionamento de servizos municipais

800.000€ do 'Plan+Provincia' da Deputación para contratar a 81 persoas desempregadas

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as primeiras achegas do Plan + Provincia: 802.000 euros para que os concellos de Arbo, Fornelos de Montes, A Lama, Moraña, Poio, Pontecesures e Soutomaior contraten a 81 persoas desempregadas para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

“En menos dun mes dende que abrimos o prazo para solicitar fondos do +Provincia –asegurou o presidente Luis Lópezestamos xa a destinar recursos aos concellos, para seguir dando pasos nese modelo de pontes tendidas e, en xeral, de avance para o conxunto da provincia”.

Peóns forestais, condutores, limpadores ou tractoristas

Polo miúdo, o Concello de Arbo recibirá 98.000 euros para contratar a 13 persoas desempregadas que traballarán como peóns forestais (9), operarios de servizos xerais (2) e no servizo de Axuda no Fogar (2).

Pola súa banda Fornelos de Montes beneficiarase de 90.000 para contratar a 9 persoas que ocuparán os postos de condutores (5), limpadores (2), oficial tractorista (1) e socorrista (1).

Tamén serán 9 as persoas que contrate A Lama, con 111.000 euros da Deputación de Pontevedra, para
executar tarefas como peóns forestais (4), operarios (3), peón de limpeza (1) e auxiliar administrativo (1).

Moraña recibirá 104.500 euros ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia para contratar a 7 persoas en situación de desemprego que ocuparán os postos de peóns forestais (4), peón transportista (1), monitor de servizos á comunidade (1) e tractorista (1).

Poio, con 200.000 euros, contratará a 19 persoas como limpadores (4), operarios de servizos múltiples (3), subalternos (2), técnicos de turismo (2), condutores (2), oficiais electricistas (2), peóns de obras públicas (2), traballador social (1) e auxiliar de clínica (1).

Pontecesures contratará a 5 persoas con 82.000 euros da Deputación para traballar como peóns de obra pública (2), arquitecto (1), limpador (1) e auxiliar de xardinaría (1). Finalmente Soutomaior recibirá 119.000 euros ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia para contratar a 19 persoas desempregadas que ocuparán os postos de peóns forestais (10), varredores (4), oficiais albaneis (3), auxiliar administrativo (1) e auxiliar de biblioteca (1).

Catro liñas

O presidente da Deputación lembra que o Plan + Provincia, destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes, está dotado con 48,2 millóns de euros e distribuído en catro liñas a 1, centrada en investimentos, con 33,74 millóns de euros; a 2, de amortización de débedas, con 4 millóns
de euros; a 3, para activación de emprego, con 9,25 millóns de euros; e a 4, novidosa, para redactar
proxectos de transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas, dotada con 1,2 millóns de euros.

También te puede interesar