Comarcas

A Deputación amplía ata o 15 de febreiro o prazo para participar no “Hub contra a fenda dixital e a soidade no medio rural”

Para maiores de 50 anos e tamén para ‘influencers’

A Deputación amplía ata o 15 de febreiro o prazo para participar no “Hub contra a fenda dixital e a soidade no medio rural”

A Deputación de Pontevedra acaba de anunciar que amplía o prazo ata o vindeiro 15 de febreiro para presentar solicitudes para participar como alumno ou influencer no programa “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no rural”, que se desenvolve nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.

Como informara vigoalminuto, o programa inclúe unha formación destinada a maiores de 50 anos para alfabetizalos dixitalmente e capacitalos en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas.

Requisitos

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa como alumnos deberán ter nacido antes de 1973 ou acreditar discapacidade; prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos. No caso dos influencers (persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais) deben ser maiores de 18 anos e estar empadroadas nalgún dos concellos participantes.

50 en cada concello

Unha vez seleccionados os participantes, 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas: sobre a administración electrónica; o Sergas online; a banda móbil; as redes sociais ou a creación de vídeos.

Cada acción formativa no “Hub contra a fenda dixital e a soidade no medio rural” terá unha duración de 5 horas. Ao final delas haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais.

También te puede interesar