O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde á contratación de dous novos proxectos de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Asi, o organismo provincial destinará aos mesmos un total de 730.000 euros.
Carpeta Cidadá
Polo miúdo, 530.000 euros permitirán contratar a integración dos sistemas de administración electrónica dos 45 concellos que o solicitaron coa Carpeta Cidadá da Administración do Estado. Este plataforma tecnolóxica permite á cidadanía un acceso sinxelo e rápido a diferentes tipos de información relacionada cos seus trámites.
Plataforma de videoactas e retransmisión de plenos
Doutra banda, destinaranse 200.000 euros para incorporar aos equipos de almacenamento xa existentes
nos Centros de Procesado de Datos (CPD) dunha nova infraestrutura de alta capacidade e rendemento. Os mesmos acollerán as novas ferramentas que se porán en marcha ao abeiro deste programa, como a plataforma de
videoactas e retransmisión de plenos.
Cabe lembrar que este proxecto, ao que se adheriron 50 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, está financiado con 2,5 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation, e está formado por cinco liñas diferentes.