Comarcas Vigo al minuto

O Rosal abre este luns as inscricións para o Mercado e o Campamento de Nadal

Ata o día 21

O Rosal abre este luns a inscrición para o seu Mercado de Nadal

O Rosal prepárase para festexar o Nadal. Asi, o Concello abrirá este luns, día 6 de novembro ás 09.00 horas o prazo de inscrición para participar no tradicional Mercado de Nadal, “un lugar de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e co deseño, un espazo que permite cada ano visibilizar o traballo e o talento creativo e innovador de artistas artesáns da nosa vila”,apunta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O tradicional Mercado abrirá as súas portas os días 2 e 3 de decembro no salón de exposicións do Concello e o público poderá visitalo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

No Rexistro do Concello

Todas as persoas interesadas en participar e ter un posto no mercado deberán presentar a súa solicitude de participación no Rexistro do Concello ata o vindeiro 21 de novembro acompañada da documentación correspondente: DNI, carné de manipulador de alimentos no caso de venda de produtos gastronómicos que non teñas pasado controis de calidade, a solicitude de inscrición e unha declaración responsable.

15 postos

Como é habitual, o mercado estará aberto á participación de asociacións sen ánimo de lucro; persoas produtoras e vendedoras de produtos gastronómicos (repostería; mel; queixos; marmeladas, turróns…) e persoas artesás dedicadas aos máis diversos sectores.

Establecerase un máximo de 15 postos para a celebración deste mercado que se concederán por estrito orde de entrada da solicitude. Ademais, soamente se concederá un posto por participante, que deberá traer a súa propia instalación e decoración.

Campamentos

Ademais, o Concello prepárase, un ano máis, para organizar o campamento de Nadal para que os máis cativos e cativas da casa “poidan gozar das vacacións escolares cunha morea de actividades lúdicas e educativas e axudar a rosaleiros e rosaleiras a conciliar a vida familiar e laboral”, explica a alcaldesa. 

Este campamento desenvolverase os días 26, 27, 28 e 29 de decembro e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 08.45 a 14.15. horas e estará destinado a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de Educación Infantil ou Educación Primaria neste curso escolar. O Concello abriu este mesmo luns o prazo de solicitude de praza, que rematará o mércores 22 de novembro ás 14.00 horas. 

También te puede interesar