Cultura Vigo al minuto

Obras da viguesa Diana Toucedo proxectanse hoxe no London Spanish Film Festival

Na sección ‘Letters from Galicia’

Obras da viguesa Diana Toucedo proxectanse hoxe no London Spanish Film Festival

Por primeira vez en 19 anos, o audiovisual galego ocupa unha sección específica no London Spanish Film Festival (LSFF). Así, Letters from Galicia, como se chama a nova sección do festival londiniense, vai proxectar obras de Eloy Domínguez Serén e mais da viguesa Diana Toucedo este mércores, día 27, no Ciné Lumière da capital británica.

As creacións galegas no foco

O LSFF, que xa alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 15 e 14 anos de vida, respectivamente, abre esta nova ventá co foco nas creacións galegas galardoadas na última edición da MICE. Estas proxeccións suporán a estrea no Reino Unido da longametraxe Al otro lado del mar de Eloy Domínguez, premio ao Mellor Filme Galego, e da curta de Diana Toucedo Tatuado nos ollos levamos o pouso, premio CREA.

Alén diso, Letters from Galicia tamén acollerá outras catro obras de Toucedo: Prekasno, Borders, Homes e Imágenes secretas. Deste xeito, o audiovisual galego faise un oco con nome propio dentro desta cita do cinema español que leva case vinte anos celebrándose en Londres e amosando o mellor do cinema estatal.

Asi, Diana Toucedo, que xa proxectou no LSFF de 2019 a súa obra Trinta lumes, regresa agora cunha sesión que reúne cinco mostras do seu talento e na que destaca Tatuado nos ollos levamos o pouso, unha curtametraxe multipremiada sobre as mariscadoras dunha vila do sur de Galicia rodada “cunha mirada coidadosa, sensible a todos os elementos e símbolos e fundindo os corpos na natureza”.

Diana Toucedo (1982) é una cineasta e montadora que con base en Barcelona. Tragovi (2009) foi a súa primeira longametraxe documental como montadora, un proxecto rodado en Bosnia-Herzegovina. Traballou durante dous anos no Estudo Mariscal na montaxe do filme de animación Chico y Rita (2010), dirixido por Fernando Trueba e Javier Mariscal, e colaborou co prestixioso deseñador en múltiples obras visuais. Tamén montou xunto a Isaki Lacuesta In Between days (2009), a súa correspondencia filmada coa cineasta Kawase, e La noche que no acaba (2010).

Como directora, na súa filmografía figuran títulos como Ser de luz (2009), con materiais de Gustav Deutch, Tres tiempos tres gestos (2009), sobre a obra de Naomi Kawase, ou a longametraxe Trinta lumes (2017), estreada na Berlinale.

También te puede interesar