Cultura Vigo al minuto

Francisco Castro dimite como director xeral da Editorial Galaxia

Anunciouno hoxe nun comunicado

Francisco Castro dimite como director xeral da Editorial Galaxia

Francisco Castro (Vigo, 1956) vén de dimitir como director xeral da Editorial Galaxia, cargo no que sucedera, en 2016, ao Victor Freixanes (actual presidente da Real Acedemia Galega).

Castro explica nun comunicado que deixa a dirección da editorial ao entender que “non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu Presidente e Conselleiro Delegado, se negasen reiteradamente, durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a Editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores”.

Refírese ás declaracións feitas por un dos novelistas de Galaxia nas que acusaba á editorial de non remitirlle o contrato por un libro, ata oito meses despois do seu lanzamento.

Á vista deste feito, o escritor vigués entende que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que “decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas”.

Castro engade que “a miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección a unha empresa que, en múltiples ocasións, mais de xeito especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como Director Xeral”.

Te podría interesar