Vigo al minuto

Instan a Educación a vixiar que os colexios do Opus de Vigo non segreguen o alumnado por xénero

Ante a sospeita de que poidan estar incumprindo a lei

Instan a Educación a vixiar que os colexios do Opus de Vigo non segreguen o alumnado por xénero

CIG-Ensino advertiu ao presidente Rueda e ao conselleiro Rodríguez de que este curso os 5 centros que segregaban o alumnado por xénero en Galicia non podían renovar os seus concertos educativos durante os vindeiros seis anos, en cumprimento da LOMLOE.

Ainda así, este verán publicouse a Orde na que volve aparecer o nome dos cinco. Mentres que o Centro de Estudos Superiores Aloya de Vigo, dedicado integramente a FP xa introduciu a matrícula mixta, “a CIG-Ensino sospeita que nos outros catro colexios, con unidades concertadas de infantil, primaria e ESO non se está cumprindo a normativa”.

“Montecastelo e Las Acacias”

Trátase dos “centros vinculados  ao Opus Dei” Montespiño e Peñarredonda, na cidade da Coruña, e Montecastelo e Las Acacias en Vigo, que “ven incrementadas as aulas concertadas con respecto ao curso pasado con 12 na etapa de infantil: seis no Montespiño e outras 6 en Las Acacias”.

Así, apuntan dende a CIG que, segundo información obtida polo sindicato, estes centros terían aberto a posibilidade de matrícula mixta só no primeiro curso de Primaria, alegando que no resto dos cursos de Primaria e ESO xa teñen alumnado a matricula completa. Asi que, a central sindical insta á Administración, tanto á Inspección Educativa galega da que dependen estes centros, como á alta inspección do Estado, que vixíen que se está a cumprir o establecido na lei, dado que ten “todas as sospeitas de que poidan estar eludindo a normativa.

Solicitude de datos á Xunta

Neste sentido, a CIG-Ensino solicitoulle á Administración galega datos exactos de matrícula con datos diferenciados por xénero en todas as aulas porque, ao ser ensinanza concertada, no caso de haber prazas libres tamén se debería abrir a posibilidade de matricularse tanto a nenos como a nenas.

Por último, o sindicato mantén a súa oposición a que se concerten etapas educativas non obrigatorias como a Formación Profesional, tanto neste tipo de centros como en calquera outro.

En definitiva: desde a CIG-Ensino aseguran que estarán en “alerta” para que “non se sigan financiando pola porta de atrás centros do Opus Dei que incumpran a norma e manteñan un espírito reaccionario de separación do alumnado por cuestión de xénero”.

También te puede interesar