O Bloque Nacionalista Galego denuncia un «novo caso de represión» do Goberno municipal contra o movemento veciñal de Vigo. Así, o BNG advirte da «pretensión de Abel Caballero de desaloxar de forma definitiva á Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (FAVEC) do local que ocupou na Praza da Princesa dende 1994«.
«A FAVEC facía uso deste inmóbel a través dun convenio que continúa en vigor e onde o movemento veciñal tivo a súa gran casa durante moitos anos», explicou o portavoz municipal do BNG. Xabier P. Igrexas, mantivo unha reunión con representantes da Federación Veciñal para abordar diferentes asuntos da actualidade local. Entre eles trataron a revisión das ordenanzas fiscais, a tramitación do novo PXOM e a elaboración dos orzamentos municipais do vindeiro ano.
Nova sede da Oficina de Rehabilitación da Xerencia de Urbanismo
Igrexas asegurou que o BNG tivo coñecemento desta situación despois de acceder a un expediente municipal no que o Goberno local, nunha dilixencia asinada o pasado 28 de xullo, traslada a súa pretensión de destinar a totalidade das dependencias que ocupaba a FAVEC para albergar os servizos da Oficina de Rehabilitación da Xerencia Municipal de Urbanismo.
Unha decisión que, a xuízo do Bloque, se trata dunha «coartada falsa» do Goberno de Caballero para desaloxar definitivamente a FAVEC da súa sede histórica, despois de que tiveran que abandonala en outubro de 2021 por obras no edificio co compromiso de retornar pasados 13 meses. «Este é un paso máis na escalada de brutal represión do Goberno municipal contra o tecido asociativo, nomeadamente contra entidades como a Federación Veicñal que non se someten aos ditados que se intentan impoñer», reprochou Igrexas.
«Non se pode desafiuzar ao movemento veciñal porque non estea de acordo con Abel Caballero»
O portavoz nacionalista chamou ao Goberno municipal a cesar na súa tentativa de desaloxo. Neste sentido, afirmou que existen suficientes inmóbeis de titularidade municipal para acoller servizos como a Oficina de Rehabilitación. «O que non se pode é desafiuzar o movemento veciñal de Vigo porque non está de acordo coas posicións de Abel Caballero», censurou Igrexas. Así, o portavoz do Bloque lamentou que «toda aquela entidade, colectivo e asociación que ousa discrepar do Goberno municipal sofre o castigo a través de distintas formas de violencia administrativa».