Cultura Vigo al minuto

O libro inédito de Domingo Villar, nas librarías o 13 de setembro

“Síbaris”, unha obra de teatro que terá a súa estrea en Vigo o día 30

O libro inédito de Domingo Villar, nas librarías o 13 de setembro

A Editorial Galaxia publicará o 13 de setembro o libro inédito de Domingo Villar, “Síbaris”, unha obra de teatro que o autor vigués deixou rematada e entregou á editorial para a súa publicación e que terá a súa estrea teatral en Vigo o 30 de setembro.

A mesma estará protagonizada por Carlos Blanco no papel dun afamado escritor que se atopa nun bloqueo creativo dende hai ben de anos. Cun fino sentido do humor desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces desapiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.

‘Run Baby Run’

No eido do teatro tamén publicaremos “Run Baby Run”, obra na que a súa autora Fátima Delgado aborda a discriminación de xénero no deporte. Unha reflexión sobre canto se pode chegar a loitar sen traizoar os propios principios. A estrea da obra producirase o 6 de outubro en Santiago de Compostela cun elenco encabezado por Alba Loureiro e Camila Bossa.

Colección literaria

Na colección Literaria chegarán as librarías, “As faces do Diamante”, de Celia Díaz Nuñez, un libro de relatos que se entrecruzan e personaxes que reaparecen en distintas etapas vitais. Tamén unha novela distópica “70º Norte”, de Xaime Toxo, onde a civilización postindustrial chega aos límites da desaparición e o paradoxo da salvación radica nos remotos contornos dunha natureza implacable e imprescindible.

E para rematar a novela gañadora do Premio García Barros do Concello da Estrada, “Entomoloxía para misioneiros”, de Fernando Castro Paredes, un relato de aventuras de arquitectura moi elaborada que se abre á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia e o choque cultural entre Occidente e Oriente.

También te puede interesar