A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou esta mañá que a finais deste ano estará rematada a humanización das rúas Buenos Aires e Progreso, no Porriño, logo dun investimento de case 1 millón de euros.
Protagonismo dos peóns
Ethel Vázquez, xunto co alcalde, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe o avance destas obras para transformar estas rúas e “facelas máis seguras, máis accesibles e máis humanas“. Así, apuntou, trátase dunha reforma integral na estrada PO-329 ao seu paso polo centro urbano, destinada a transformar unha estrada en rúa e conseguir que os coches cedan protagonismo en favor dos peóns.
Para iso, a actuación desenvólvese nun treito de case 700 metros da PO-329, co abxectivo de reforzar a seguridade
a pé dos veciños; ademais de mellorar a accesibilidade e o aspecto estético da vía, “favorecendo a súa mellor integración na vida urbana do núcleo do Porriño”.
O xeito de acadalo, constataron a conselleira e o alcalde, é facer as beirarrúas máis anchas, para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro para os veciños; primar os peóns fronte aos vehículos, reducindo para iso a anchura dos carrís de circulación; e reordenar as zonas de aparcadoiro.
Pavimento e mobiliario urbano
Tamén se prevé a renovación dos pavimentos e a dotación de mobiliario urbano e mellora da iluminación con 22 novos puntos de luz e con reforzos lumínicos nos pasos peonís. Asi mesmo, o proxecto, a petición do Concello e o Consorcio de Augas do Louro, estase a aproveitar para acometer tamén unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento.
Ámbitos de actuación
De aí que a intervención dividiuse en diferentes ámbitos, comezando pola zona da rúa Buenos Aires, no treito final da actuación. Neste treito, que vai desde a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55, os traballos están practicamente finalizados.
Pasos elevados
Pola contra, na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade. Ademais, nas proximidades da glorieta, acométese unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns; reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros; renovando e ampliando tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.
Rúa Progreso
Ethel Vázquez concretou que unha vez se rematen as obras neste treito, intensificaranse os traballos xa en execución na rúa Progreso (entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea). Así acometerase a reordenación da calzada a e a humanización da vía.
Do paso a nivel a Frigolouro
Finalmente, se intervirá no treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, onde os técnicos se comprometen a actuar coa maior axilidade e coidado para minorar a afección e as molestias.