Vigo al minuto

O Concello de Vigo excluido do Programa Platea e da Rede Galega de Teatros

En risco a programación cultural para o que resta deste 2023

O Concello de Vigo excluido do Programa Platea e da Rede Galega de Teatros

O Bloque Nacionalista Galego alerta dun “golpe letal” para o programa Vigo Cultura polo que cualifica de “nefasta” xestión do Goberno municipal. Así o denunciou este mércores o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que advertiu de que o Concello de Vigo foi excluído do Programa Platea, dependente do Ministerio de Cultura, e da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais, “o que pon en risco a programación cultural municipal para o que resta deste 2023″.

Risco para as actividades no Auditorio Municipal

“Esta exclusión ameaza de morte o programa Vigo Cultura, o único programa municipal estábel de artes escénicas”, subliñou Igrexas, que asegurou que a cidade corre o “risco” de que non se poida realizar ningún tipo de actividade, evento ou acto de representación cultural no Auditorio do Concello nos últimos meses do ano.

Diante desta situación, o Bloque rexistrou formalmente un escrito para esixir explicacións do alcalde e que “dea conta en detalle” das causas que motivan esta exclusión “sen precedentes” na historia da cidade. Ademais, o BNG reclamou acceso íntegro á documentación municipal relacionada con esta xestión.

También te puede interesar