O Castelo de Soutomaior acolle este xoves 27 de xullo, ás 19:00 horas, o espectáculo de teatro cómico As palabras perdidas, que correrá a cargo de Inventi Teatro, o dúo formado por Bea Campos e Marcos Alonso. Esta actividade para todos os públicos é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra enche de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso.
A historia da Condesa Colorada e Laocadiof
A actuación, para a que xa están todas as prazas esgotadas, conta a historia da condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof, viaxeiros chegados desde moi lonxe. A condesa, unha coñecida contadora con fama internacional, disponse a narrar o seu relato preferido pero, ao abrir o libro, decátase de que está cheo de buracos. Faltan palabras moi importantes, como “ganapán”, “vagalume” ou “vermes”. As palabras fuxiron da historia, borradas pola súa falta de uso, e só volverán cando o conto sexa empregado de novo. En definitiva, As palabras perdidas é un espectáculo que anima a falar galego e que pon en valor o idioma, os ditos e as historias de Galicia.
Inventi Teatro
Inventi Teatro son Bea Campos e Marcos Alonso, un dúo teatral cómico que comezou a súa aventura no ano 2017 xunto ao actor Paulo Medal. A súa ópera prima, A troupa do doutor Milagre, é un dos seus grandes éxitos, con máis de 100 representacións en toda Galicia con presenza en espazos como o Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou Itineranta en Pontevedra.
13 actuacións ata o 29 de agosto
Tras as Ameas arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).
Ollo as entradas
Catro das próximas seis actividades teñen xa todas as prazas esgotadas: dúas actividades de circo, Glamping de SU.MA., o 3 de agosto, e Nino & Nambrú de Nauta, o 17 de agosto, en Soutomaior ambos os dous; o espectáculo musical de Mamá Cabra Paxaro amigo. Músicas para a paz, o 10 de agosto tamén en Soutomaior, e o espectáculo de maxia Superheroe de Fran Frei o 22 de agosto en Sobroso As actividades para as que aínda quedan prazas dispoñibles son as seguintes: o concerto Silforiña da compañía Golfiños o 1 de agosto, e o obradoiro Lingoreteira de Xarope Lulú, o 29 de agosto, ambos os dous no Castelo de Sobroso.