Comarcas Vigo al minuto

Mos intensifica a campaña de desratización coa chegada do verán

Os veciños preocupados polo aumento de roedores

Mos intensifica a campaña de desratización coa chegada do verán

A concelleira de Atención Veciñal, Medio Ambiente, Mantemento de Zonas Urbanas, Parques e Xardíns, Laura Méndez, reuniuse con representantes do Consorcio de Augas do Louro para tratar sobre a posta en marcha dun plan municipal que reforce e complemente a campaña semestral de desratización levada a cabo por parte do Consorcio.

Mellora da limpeza

Desenvolverase deste xeito un programa conxunto entre o Consorcio de Aguas do Louro, entidade encargada da rede de saneamento e abastecemento municipal, o Concello de Mos e a empresa concesionaria da recollida de lixo, FCC. Para elo, farase un estudo a maiores para controlar a correcta utilización dos contedores no horario adecuado, así como unha exhaustiva limpeza en determinadas zonas.

Laura Méndez informou de que “asociados á chegada da tempada estival, sucédense avisos veciñais por existencia de roedores en espazos públicos. Sobre todo concentrada nos lugares do municipio con maior densidade de poboación, como Puxeiros en Tameiga e San Rafael en Pereiras. O Consorcio de Augas do Louro fai cada 6 meses unha campaña preventiva de limpeza e desratización nos colectores, pero consideramos necesario actuar conxuntamente para evitar que estes animais proliferen nesas zonas”.

‘Puntos críticos’

Os puntos críticos detectados ata o de agora son o alto de Puxeiros, nas inmediacións da Urbanización “Butano”; no parque do Campo da Feira e fronte a Correos. En San Rafael, nas inmediacións da isleta de recollida xunto á Tapería Lano.

Durante a xuntanza, segundo explicou Méndez, “acordamos que o Consorcio, ademais de continuar coa campaña semestral de desratización, fará unha inspección no alto de Puxeiros do estado de mantemento e limpeza das acometidas privadas da urbanización para, en caso de ser necesario, solicitar aos propietarios á súa limpeza e correcto mantemento. Así mesmo, realizaremos un estudo das posibles causas asociadas, sobre todo polo incumprimento dos horarios recomendados para depositar os desperdicios por parte dos cidadáns e empresas de alimentación e hostalería. E levaremos a cabo a modificación da ordenanza municipal de medio ambiente, que reflicta específicamente os horarios obligatorios para depositar o lixo nos contedores”.

Por último, a concelleira anunciou que se organizará unha campaña de limpeza interior dos illotes de madeira que albergan os contedores.

También te puede interesar