Cultura Vigo al minuto

“Cómicas, habelas hainas”, en Vigo este xoves

Con Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Bárbara Grandío e Coira Castillo

“Cómicas, habelas hainas”, en Vigo este xoves

Con Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Bárbara Grandío e Coira Castillo

O ciclo de humor “Cómicas, habelas hainas”, promovido pola Deputación de Pontevedra para visibilizar o talento feminino neste eido e normalizar a presenza de mulleres nos circuítos, chega este xoves, día 20, ao seu ecuador co espectáculo que ofrecerán en Vigo as galegas Jazmín Abuín, Arantxa Treus e Bárbara Grandío, xunto á artista invitada ex profeso para a ocasión, a madrileña Coria Castillo.

A actuación terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (praza do Rei, 1) a partir das 20.30 horas e a entrada é libre ata completar o aforo do recinto. Ao espectáculo asistirá a presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ás deputadas Ana Laura Iglesias e Ana Mejías.

A toda a provincia

Este proxecto está a levar por todas a comarcas da provincia a comedia feita e protagonizada por mulleres, cun espectáculo de stand-up comedy de algo máis dunha hora de duración, no que as artistas abordan nos seus monólogos distintas temáticas cun formato áxil e dinámico.

Bárbara Grandío

Nel, Bárbara Grandío actuará como presentadora, introducindo coas súas intervencións ás outras participantes. Esta actriz , coñecida por series como La que se avecina, A Estiba, Lobos e Cordeiros e Anclados, tamén participou nas películas Historias lamentables, de Javier Fesser ou La historia de un satélite, das Also Sisters. Con esta última, foi nomeada ós premios Mestre Mateo 2018 como mellor actriz.

Jazmín Abuín

A viguesa Jazmín Abuín, que expresou a súa ilusión “por xogar en casa” é actriz, monologuista, cantante e xornalista, cunha longa traxectoria tanto en teatro musical (La bella y la bestia, Peter Pan, Quisiera ser, Una corbata para Monroe), como en televisión (Acacias 38, Amar es para siempre, La que se avecina, Serramoura ou Machos Alfa, entre outras ) e
cine ( Ola de crímenes, La casa de tiza ou a curta “Cordelias”, de Gracia Querejeta, nomeada aos Goya). Compaxina as facetas de actriz e cantante coa de monologuista e na actualidade é unha das cómicas de El Club de la Comedia en Madrid, ademais de representar o show de monólogos Riquiña, en distintos lugares de Galicia e do resto do Estado.

Arantxa Treus

Arantxa Treus comparte escenario todos os meses cos e coas mellores monologuistas do país no seu espectáculo Los monólogos de la Treus. Traballou en series de televisión como Gondar, Serramoura ou Fariña e o seu monólogo Sexo débil, o carallo recibiu o premio FETEGA 2022 ao mellor monólogo cómico. Actualmente prepara Revolta, o seu novo espectáculo teatral, unha viaxe pola evolución do ser humano dende unha mirada crítica e humorística contada por mulleres.

Coira Castillo

E Coria Castillo é actriz e cómica cun longo percorrido en programas das distintas plataformas e colaboradora en programas de radio como Hoy por hoy Madrid, Las piernas no son del cuerpo ou Hoy de Tranqui. Participou en producións de teatro como El manicomio de los horrores, cunha xira de dous anos por España e México e en Las noches del club de la comedia. Recentemente foi nomeada a mellor actriz nos premios Feroz pola serie Fácil. 

Restantes actuacións

Con 10 espectáculos previstos, o programa “Cómicas, habelas hainas” arrancou no concello de Moraña a principios de marzo e percorreu xa os municipios de Tui, Silleda e Forcarei. Amais desta actuación en Vigo quedan outras cinco na provincia, que terán lugar en Ponteareas (23 abril), Cangas (29 abril), A Cañiza (6 maio), Pontevedra (11 maio, na que
intervirá tamén Bianca Kovacs) e O Grove (12 maio). En todas elas, excepto na de Pontevedra, actuará tamén Marta Doviro.

También te puede interesar