En toda Galicia
As asembleas de traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros/as por estrada realizadas nas catro provinciais aprobaron por unanimidade ir á folga o venres 31 de marzo en demanda do desbloqueo da negociación colectiva. Os catro convenios provinciais están paralizados e aínda que a mesa da Coruña, Ourense e Pontevedra mantén as reunións, nestas non se producen avances, mentres que a de Lugo nin sequera se reúne.
Concentracións
O día da folga, ademais dos habituais piquetes informativos, faranse concentracións nas estacións de autobuses das sete cidades galegas ás 11:00h, agás en Pontevedra, onde será ás 18:00h.
Condicións laborais, salariais e sociais
Neste senso, os sindiatos denuncian que á «parálise dos convenios» e á «non actualización das condicións laborais, salariais e sociais do persoal», hai que sumar os «reiterados incumprimentos dos convenios colectivos por parte da patronal, que levaron a que hoxe o sector estea altamente precarizado«.
Contratos de ‘media hora’
Aínda que neste sector a maioría dos cadros de persoal están formados por traballadores condutores, nos últimos anos o colectivo de acompañantes, maioritariamente integrado por mulleres, medrou de maneira considerábel. «Estas traballadoras padecen unhas condicións de precariedade absoluta, tendo que aturar contratos de até media hora ou unha hora e incumprimentos salariais continuos».
Autobuses vellos que «poñen en risco a seguridade«
Ás «nefastas condicións do persoal» isto engádeselle o «estado lamentábel da flota de autobuses», con vehículos moi vellos que sofren avarías constantes que poñen en risco a seguridade no transporte.
Responsabilidade da Xunta
Neste senso, os representantes dos traballadores subliñan que a Xunta é responsábel desta situación. «Tanto a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade como a Consellaría de Educación, que permanecen cegas e xordas diante dos problemas do sector e nin sequera responderon as múltiples denuncias realizadas».
Así, insisten, a Xunta no seu momento, sacou uns contratos infradotados economicamente, e a pesar disto «a patronal presentouse incluso con rebaixas de até o 30% sobre o prezo de saída». A súa idea era que «poderían obter beneficios a conta de explotar as traballadoras e traballadores, precarizar as condicións laborais e deteriorar a prestación do servizo até límites insospeitados«.
Para comprobalo basta con ver como día si e día tamén «as persoas usuarias se queixan polos atrasos nos horarios, as deficiencias do servizo ou incluso porque o autobús non pasa pola parada«.