O concelleiro de Deportes «non moveu un dedo» para evitar o seu deterioro
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia o agravamento do «abandono deliberado» das pistas de atletismo de Balaídos por parte do goberno de Abel Caballero. Dendeo o BNG lamentan que non se teña actuado para resolver o «penoso estado» destas instalacións deportivas municipais malia o acordo do Pleno, o pasado 26 de outubro, tras unha iniciativa do BNG urxindo medidas ante o deterioro.
Sinalan a Manel Fernández
«Transcorridos dous meses constatamos que o Goberno municipal non atendeu nin unha soa das cuestións que se denunciaban«, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou á Concellaría de Deportes, que dirixe Manel Fernández, de «non mover nin un só dedo» diante dos problemas que levan padecendo durante anos as e os deportistas.
Perda da homologación
O edil nacionalista asegurou que este «desleixo e neglixencia na xestión» están a agravar o xa «lamentábel» estado das instalacións de Balaídos. Así, alertou de que a falla de mantemento continúa a provocar constantes inundacións das pistas con importantes danos no tartán que, segundo advirten as e os propios deportistas, poderían derivar nunha perda da homologación que impida a celebración de competicións oficiais de atletismo.
Igrexas sinalou ademais outras situacións «dantescas e impropias» dunhas dependencias públicas como a falla de papel hixiénico durante semanas ou que estas instalacións deportivas municipais non conten nin tan sequera cunha caixa de primeiros auxilios.
«Castigo» aos deportistas da cidade
Diante destas eivas, o candidato do BNG reiterou a esixencia ao goberno de Abel Caballero de que «poña fin a este abandono deliberado» e «acabe con esta política de castigo» contra as e os deportistas da cidade. «Que dea cumprimento ao mandato plenario que, por iniciativa do Bloque, urxiu a resolver esta situación ruinosa«, remachou.