Destacados Vigo al minuto

Alertan do “colapso” das Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro

Pola falta de persoal médico nos PAC e centros de saúde

El Sindicato de Enfermería alerta de la saturación de los centros sanitarios por gripe y COVID

Pola falta de persoal médico nos PAC e centros de saúde

As federacións de Saúde da CIG de Vigo e de Pontevedra veñen de alertar que a falta de persoal médico nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e nos centros de saúde está a provocar o colapso das Urxencias hospitalarias.

Dende a central denuncian que neste contexto o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) opta por derivar pacientes a centros sanitarios privados no canto de reforzar o sistema público.

Pacientes nos corredores

A saturación experimentada polos servizos de urxencias fíxose visíbel nos últimos días nas áreas sanitarias viguesa e pontevedresa, con “ducias de doentes pendentes de cama, moitos deles acumulados nos corredores”. De feito, no caso do hospital Álvaro Cunqueiro, o aumento das necesidades de camas levou a desdobrar as habitacións en varias plantas. En Pontevedra optouse por trasladar pacientes ao hospital do Salnés e a centros privados, igual que no caso de Vigo.

Unha enfermeira para 20 pacientes no Cunqueiro

Mais este aumento de carga asistencial non se traduciu nun aumento de persoal, tendo que atender unha única enfermeira a 20 doentes no Álvaro Cunqueiro. Esta acumulación de pacientes nos corredores supón, ademais dun aumento de carga de traballo para o persoal, unha situación de inseguridade na asistencia. “Isto, a maiores de evidenciar falta de recursos e de previsión, tradúcese nunha atención precaria das persoas enfermas”, sinalan dende a CIG-Saúde de Vigo.

“Situación insoportable” á fin de semana

Dende a CIG-Saúde de Pontevedra sosteñen que a situación durante a fin de semana foi insoportábel para os traballadores, que se viron superados pola situación, e que a atención sanitaria non foi a desexada. “O estrés palpábase nada máis achegarse a urxencias: non había padiolas, nin cadeiras, nin sequera espazo onde colocar os pacientes”.

Neste contexto, o Sergas optou por realizar traslados de doentes a centros privados en lugar de reforzar o sistema público, no caso de Pontevedra mesmo utilizando o 061 para os traslados.

Por iso a CIG demanda que se reforcen as unidades afectadas e que se informe da situación aos representantes dos traballadores. “Preocúpanos a derivación de pacientes a centros privados cando hai centros sanitarios públicos que poderían asumir a asistencia”.

También te puede interesar