Cultura Destacados

Grupos de Vigo en Loita denuncia a “suspensión de concertos” por parte da Policía Local

En locais de Torrecedeira e Pi y Margall

Grupos de Vigo en Loita denuncia a "suspensión de concertos" por parte da Policía Local

En locais de Torrecedeira e Pi y Margall

A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita critica os peches de concertos acústicos que a Policía Local viguesa estivo efectuando nas últimas semanas”.

Torrecedeira

Así, apuntan, o pasado sábado sucedeu no Al Traste Rock Bar, en Torrecedeira. “Ás tres cancións de comezar” o concerto acústico do grupo Other Game en sesión vermut, programado para as 12:30 do mediodía.

‘Suposta’ actuación en Pi y Margall

Por outra banda, o venres 14 de outubro, segundo expuxo en redes sociais o Nuevo Bonus Track, en Pi y Margall interior, a Policía acudiu a este bar a deter un suposto concerto que non se estaba a producir nin estaba programado. Este mesmo establecemento, que está insonorizado, sufrira a semana anterior a suspensión doutro concerto acústico.

Deficiencias na regulación de locais de concertos

Segundo afirman dende a plataforma Grupos de Vigo en Loita, estes son dous exemplos dunha situación que se vén dando dende hai moito tempo debido ás deficiencias na regulación dos locais de concertos en Vigo. En palabras do colectivo de músicas e músicos vigueses, a falta de concesión de licencias axeitadas aos locais de concertos fai que nos poidan cancelar as nosas actuacións durante o día pola mera chamada dalgún veciño, ou simplemente porque os responsables da Policía manden unha patrulla e ordenen parar, independentemente do volume e dos horarios”.

Desinterese das autoridades pola escena musical en Vigo

Esta situación estaría encadrada, para Grupos de Vigo en Loita, nunha “tendencia de desinterese e desleixo das autoridades cara a escena musical en Vigo e os seus artistas emerxentes“, manifestada en capítulos anteriores como os peches das diferentes salas de ensaio municipais ou a case ausencia de grupos de Vigo na programación municipal. Isto ten, afirman, efectos moi negativos para o panorama cultural da cidade no seu conxunto, como veñen denunciando noutras ocasións con anterioridade.

Mes de xuño

O propio colectivo sufriu esta situación nas súas propias carnes durante a celebración dun concerto na Sala Molotov, en Travesía de Santiago de Vigo. Grupos de Vigo en Loita organizara aquel concerto o día 3 de xuño para reivindicar a mellora das condicións das salas de ensaio de Vigosónico e o apoio do goberno municipal ás bandas locais.

Porén, ás 21:00 da tarde, xusto cando comezaba o concerto, a Policía Local xa estaba na porta ordenando o peche, a pesar de tratarse dunha sala insonorizada que ten actividade de ocio nocturno con total normalidade e sen que houbese tempo posible para que ningún veciño emitise ningunha queixa. Por iso, para este colectivo, “as suspensións recentes non son se non a continuación dunha tendencia que vén dende moi atrás”.

Dende Vigosónico

Grupos de Vigo en Loita xurdiu como plataforma o 11 de xaneiro deste ano, inicialmente para protestar polo peche definitivo das salas de ensaio municipais de Vigosónico. Despois de meses de protesta a través de diferentes accións, logrouse a reapertura das instalacións, e, posteriormente, a posta en funcionamento das salas de ensaio a principios do mes de maio.

A pesar de ter logrado o seu principal obxectivo fundacional, continúan a súa andaina reivindicando melloras nas condicións do servizo, mermado con respecto á súa situación anterior á pandemia, entre outras reivindicacións relativas á escena musical viguesa.

También te puede interesar