Destacados Vigo al minuto

A Xunta publica no DOG o proxecto da 1ª fase da humanización da Avenida de Galicia, en Teis

As obras teñen un orzamento de 2,5 millóns e concluirán nun ano

A Xunta publica no DOG o proxecto da 1ª fase da humanización da Avenida de Galicia, en Teis

As obras teñen un orzamento de 2,5 millóns e concluirán nun ano

A Xunta publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción da humanización da avenida de Galicia en Teis, que suporá un investimento de preto de 2,5 millóns.

500 metros

Esta nova intervención céntrase no treito comprendido entre o cruce da estrada PO-323 coa avenida Mariña Española e o IES de Teis, que acada un tramo duns 500 metros da estrada autonómica, no que se definen as medidas de calmado de tráfico e de protección de peóns.

A súa publicación no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 15 de setembro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste proxecto de construción da 1ª fase de humanización da PO-323.

12 meses de obras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras neste último trimestre de ano, co obxectivo de comezar os traballos na primavera de 2023 cun prazo de execución de 12 meses.

Detalle da intervención

Con esta intervención, búscase fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís.

Esta 1ª fase do proxecto de reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA. O deseño busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar.

Novas beirarrúas e unha glorieta

Esta obra comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a Avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA.

As obras abranguerán a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.

Nova zona de aparcadoiro

A nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a ubicación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.

Segunda fase

Dende a Consellería de Infraestruturas teñen previsto finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo, ata o límite municipal con Redondela. O proxecto xa se está preparando para sair a información pública en outono.

También te puede interesar