Galicia Vigo al minuto

O satélite vigués ‘Bixo’ será enviado ao espazo en 2024

Pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento

O satélite vigués 'Bixo' será enviado ao espazo en 2024

Pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento

O nanosatélite BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), que están a desenvolver preto de 40 estudantes da Universidade de Vigo, integrados en UVigo SpaceLab, será enviado ao espazo no ano 2024.

Este lanzamento estará operado pola China Academy of Launch Vehicle Technology (Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento).

A confirmación producíase en París, ante máis de 6.500 delegados e delegadas que asisten á 73ª edición do International Astronautical Congress (IAC) 2022, o principal encontro anual da International Austronautical Federacion (IAF), no que empresas líderes mundiais presentan, entre os días 18 ao 22 de setembro, as súas novidades.

A bordo dun foguete Long March ou Smart Dragon Series

Ao abeiro do congreso, facíase pública a resolución da primeira edición do IAF-CSA Space Universities CubeSat Challenge (IAF-CSA SUCC), o concurso organizado pola IAF en cooperación coa Chinese Society of Astronautics (CSA) e a Dalian University of Technology (DUT) para o lanzamento gratuíto dun cubesat.

Universidades de todo o mundo participaron no concurso que finalmente recoñeceu como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita a BIXO, de UVigo SpaceLab, que será lanzado ao espazo no ano 2024 a bordo dun foguete Long March ou Smart Dragon Series, operado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento.  

Un lanzamento cun custo estimado de 180.000 euros

Os estudantes Manuel Diz, Guillermo Calvo e Martín Blanco, xunto ao docente e investigador Fernando Aguado festiveron en París para recoller e agradecer un premio. O mesmo inclúe, ademais do lanzamento gratuíto, a cantidade de 3.000 euros.

Todos eles consideran que este é “o impulso que nos faltaba para dar o paso e así consolidar a misión, máis aínda tendo en conta que o custo estimado dun lanzamento establécese arredor dos 180.000 euros. Así logramos ter o proxecto pechado con data de lanzamento en 2024, o que supón tamén unha visión máis atractiva para os patrocinadores e o alumnado da UVigo”.

Misión biolóxica europea

O director do proxecto, Manuel Diz, lembra que BIXO será o portador da segunda misión biolóxica europea. Logo de sete misións biolóxicas en pequenos satélites, seis da NASA e unha da ESA, todas en satélites de maior tamaño, 3UDs (10 x 10 x 30 cm) en formato cubesat, “a nosa misión será de 2UDs (10x 10 x 20 cm), o que supón un gran reto, xa que ata agora non houbo ningún desenvolvemento completo dun pequeno laboratorio espacial nun satélite tan pequeno, por iso dicimos que é a misión máis compacta lanzada desde Europa e, que saibamos, a máis pequena do mundo”, explica Diz. 

Mellorar a investigación científica en astronáutica entre o alumnado universitario

Co lema CubeSat, unha plataforma para a verificación de novas tecnoloxías e a cooperación internacional, o concurso Space Universities CubeSat Challenge naceu o pasado ano cos obxectivos de fomentar o pensamento innovador do alumnado universitario; mellorar na capacidade de investigación científica na astronáutica, a combinación de teoría e práctica e de resolución de problemas prácticos de enxeñería e popularizar o coñecemento espacial e o apoio a talentos innovadores.

“Foi a través dunha publicación da IAF (Federación Internacional de Astronáutica) a mediados de 2021 que soubemos que estaban organizando este concurso por vez primeira. Ao ver a oportunidade non dubidamos en presentarnos, porque vimos a ocasión de lanzar a nosa misión pasando por un proceso menos burocratizado que o que ofrecían outras axencias”, sinala o director da misión BIXO.

También te puede interesar