Vigo al minuto

Pistoletazo de saída á Axenda Urbana de Pontevedra Provincia

Carmela Silva asina coa Ministra Raquel Sánchez o protocolo para o plan de acción da Deputación

Pistoletazo de saída á Axenda Urbana de Pontevedra Provincia

Carmela Silva asina coa Ministra Raquel Sánchez o protocolo para o plan de acción da Deputación

A Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra Provincia xa está en marcha. Nun acto celebrado este mércores en Madrid, no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a presidenta provincial Carmela Silva, asinou coa
Ministra Raquel Sánchez o protocolo para poñer en marcha o Plan de Acción, a folla de ruta para o deseño e a planificación da provincia no horizonte de 2027 de acordo aos grandes retos da Axenda 2030 e convertela nun espazo máis sostible, resiliente, inclusivo e seguro.

A Deputación de Pontevedra foi a única de Galicia en subscribir o documento no acto do Ministerio no que participaron outras 7 Deputacións e máis de 90 institucións de todo o Estado.

Consulta pública

Con esta sinatura, a Deputación dá o pistoletazo de saída ao proceso de participación pública e reflexión como primeira fase do Plan de Acción da Axenda Urbana de Pontevedra Provincia. A intención, como se fixo co Plan Estratéxico de Turismo e co Plan Estratéxico de Infraestruturas, é a realización dunha ampla consulta pública na que concellos, axentes sociais e persoas expertas participen na análise dos retos e necesidades da axenda rural e urbana da provincia.

“A provincia máis avanzada de Galicia”

Carmela Silva subliñou que “a Deputación súmase así aos grandes obxectivos de transformación a corto, medio e longo prazo para garantir unha provincia que siga avanzando en lograr unha mellor economía, innovación,
transformación dixital e ecolóxica
, asegurando o dinamismo e progreso da provincia máis avanzada de toda Galicia
.

Sinalou que “unha vez máis convértenos en referencia ao planificar a provincia para 2027” e engadiu que “moitas das propostas a desenvolver xa foron parte dos proxectos que se veñen realizando desde 2016”. Para Carmela Silva “que o Goberno de España asine este protocolo coa Deputación é o mellor síntoma das boas prácticas políticas que se puxeron en marcha”.

“Temos un modelo claro de provincia que agora se verá reflectido no desenvolvemento da nosa Axenda Urbana”.

Obxectivos prioritarios

No marco da elaboración deste proceso de elaboración da estratexia, liderado pola propia presidenta, o goberno provincial creou xa o pasado ano 2021 un equipo interdisciplinar formada polos departamentos de Infraestruturas (que
coordina a Comisión), Mobilidade, Turismo, Medio Ambiente, Cooperación e Plan Revitaliza. Xa o pasado ano levouse a cabo un traballo de diagnóstico e identificación de todas as actuacións que se están realizando, que derivou na
identificación de cinco obxectivos nos que a Deputación está a executar a transformación sostible da provincia a través dos concellos que a conforman: cambio climático e resiliencia; xestión sostible dos recursos e economía
circular; era dixital, innovación e dixitalización; gobernanza, e modelo de provincia
, con boas prácticas en materia de mobilidade, reciclaxe, igualdade e turismo sostible.

Cambio climático

A loita contra o cambio climático está presente na acción da Deputación a través da colaboración e apoio aos concellos para pasar a unha economía baixa en carbono, poñéndose en marcha programas como o Plan Concellos ou o ReacPon.

Estes, a través das convocatorias do IDAE, apostan por inversións sostibles en municipios de menos de 20.000 habitantes, incentivando a redución da pegada de carbono e impulsando a transición verde. Tamén accións de sensibilización na loita contra o cambio climático coa sociedade, a través de iniciativas como o concurso Reacción polo Clima ou campañas de sostibilidade en festivais e eventos, ademais de participar no debate e na acción global.

Xestión de residuos

En materia de xestión de residuos e da economía circular a Deputación é especialmente sensible coa conservación e protección do patrimonio natural e medioambiental do territorio, así como a capacidade técnica e tecnolóxica para a implantación de enerxías renovables.

Destacan proxectos como Revitaliza, que conta co recoñecemento europeo de boas prácticas, ou proxectos de
fortalecemento comercial financiados cos fondos Next Generation, como Commerce Inside o “Da túa man”. Tamén ofrecen unha oportunidade única as política europeas e nacionais relacionadas coa promoción das enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

Neste eido, a Deputación participa en partenariados europeos como Greentour, para fomentar a economía circular en hostalería no Espazo Sudoe.

A innovación e a transformación dixital

Están cada vez máis presentes no día a día da cidadanía e das administracións públicas, polo que a Deputación leva a
cabo nos últimos anos unha serie de medidas para o desenvolvemento dos servizos TIC.

Ademais de implantar a Administración electrónica nos seus sistemas e nos dos concellos, fomenta as habilidades dixitais nos municipios do reto demográfico e leva a cabo o programa Smartpeme de asesoramento e mentorización no ámbito dixital para persoas autónomas e emprendedoras.

Tamén destacan proxectos como Tourist Inside, para levar a cabo a transformación dixital das oficinas de turismo. De feito, a Deputación é membro da Comisión Directiva da Rede Española de Destinos Turísticos Intelixentes, proxecto pioneiro a nivel internacional que lidera SEGITTUR.

Gobernanza

Unha das principais fortalezas neste ámbito é a súa experiencia en iniciativas de desenvolvemento sostible e emprego de instrumentos de planificación urbanística e territorial.

Hai que facer fincapé no desenvolvemento dos PMUS nos municipios de menos de 20.000 habitantes ou a Rede Ágora. Destacan tamén os plans de cooperación anuais e outros como o Plan Reequilibrio ou o ReacPon, no que se tratan os eixes da Axenda Urbana española.

Turismo sostible

Tamén é de gran valor a experiencia na xestión dun destino turístico sostible, con instrumentos de traballo como o Plan Estratéxico de Turismo 2021- 2023 e o Plan de Sostibilidade no Destino, así como mesas de traballo como a de Turismo, a do Camiño ou a do Comercio, entre outras accións.

También te puede interesar