Comarcas Vigo al minuto

O Rosal capta 1,2 millóns de fondos europeos para a renovación do alumeado

Permitirá aforrar o 65% da factura da luz

O Rosal capta 1,2 millóns de fondos europeos para a renovación do alumeado

Permitirá aforrar o 65% da factura da luz

O Concello do Rosal vén de conseguir case 1,2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para a renovación da totalidade das luminarias públicas do municipio. Trátase dun dos primeiros concellos en acadar esta subvención ao abeiro do Programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica, destinado a investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico.

Reclamado pola veciñanza

“Con este proxecto investiremos nunha necesidade moi reclamada pola veciñanza, como é o alumeado público, e realizaremos unhas melloras nas instalacións que nos permitirán seguir avanzando na nosa aposta pola eficiencia enerxética”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

Un aforro do 65% na factura da luz

A actualización de toda a rede de alumeado público no Rosal permitirá regular intensidades e consumos das luminarias públicas, rematando así coa contaminación lumínica e permitindo un porcentaxe de aforro enerxético estimado do 65%, “o que suporá un importante descenso na partida que o concello ten que dedicar cada ano á iluminación”.

Un aforro que se levará máis alá do consumo enerxético, xa que “o nivel de obsolescencia da maior parte da iluminación pública é moi elevado. Trátase dunha instalación con moitos anos de vida, polo que precisa un gran número de reparacións ao longo do ano”, lembra a rexedora.

Preto de 3.000 luminarias

Con este proxecto actuarase sobre as 2.814 luminarias existentes, das que se substituirán 2.463 por outras de novas tecnoloxía LED que disporán de redución de nivel de iluminación para axustar segundo os diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, implantando a telexestión en todas elas, incluídas as que na actualidade xa contan con tecnoloxía LED.

Nas luminarias que non se substitúan cambiarase a fonte de alimentación para integralas no novo sistema. Por outra banda, tamén se axeitarán e renovarán os cadros de mando, entre outras actuacións.

También te puede interesar