Galicia Vigo al minuto

As traballadoras do SAF de Moaña conseguen que se lles paguen os atrasos até acadar o incremento do 6,5%

Comezarán a cobrar na próxima nómina o salario máis os atrasos

As traballadoras do SAF de Moaña conseguen que se lles paguen os atrasos até acadar o incremento do 6,5%

Comezarán a cobrar na próxima nómina o salario máis os atrasos

As traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) de Moaña conseguiron onte que a empresa concesionaria do servizo, Protección Geriátrica, asinara o acordo polo que percibirán os atrasos até completar o 6,5%, correspondente ao IPC de 2021, dando cumprimento ao contemplado no convenio colectivo.

Melloras en vacacións, horarios e contratos

Culmínase así a longa negociación que se viu producindo no decurso deste ano no que, ademais do correspondente incremento salarial, conseguiron melloras no relativo a vacacións, horarios e incremento dos contratos a tempo completo. Cuestión esta última, que segundo explica a presidenta do comité e representante da CIG, Julia Rodríguez, “era de especial importancia para ir rematando coa elevada parcialidade que padecía o persoal”.

Con efecto dende maio

Desde a nómina correspondente ao mes de maio as traballadoras xa viñan percibindo o incremento salarial do 6,5% correspondente ao IPC de 2021. Porén, nas nóminas de xaneiro a abril só percibiran un incremento do 3,1%, quedando pendente un 3,4%.

Para regularizar esa porcentaxe acordouse que percibirán os atrasos desde xaneiro até abril de 2022, fraccionando ese abono en catro pagos. Deste xeito, na nómina de agosto irían os atrasos de xaneiro; na de setembro irían os de febreiro; en novembro os de marzo e en decembro os de abril.

Dende a CIG-Servizos, Pedro Pérez, membro da Executiva Nacional, manifesta a súa satisfacción e lembra que agora queda pendente só o Plan de Igualdade que se está negociando a nivel estatal.

También te puede interesar