Galicia

Brais das Hortas e a terceira cita de ‘O Rosal Cámara Fest’, este mércores no Rosal

Na Praza Rosaleira de Novás

Brais das Hortas e a terceira cita de ‘O Rosal Cámara Fest’, este mércores no Rosal

Na Praza Rosaleira de Novás

Este mércores, día 10, a praza rosaleira de Novás será o epicentro de dúas citas importantes dentro da Axenda Cultural de Verán do Rosal.

‘Zona en Obras’

A primeira delas comezará ás 20:00h, da man do narrador, músico e creador de instrumentos de refugallo, Brais Gutiérrez, ou máis coñecido como ‘Brais das Hortas’, que chega ao Rosal co seu espectáculo “Zona en Obras”, na que mistura diversos xéneros coma os contos, a música ou os títeres, cunha posta en escena divertida, participativa e retranqueira.

Nesta ocasión, contará cun andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun looper, unha batería cun capacho, un caldeiro, ferramentas… e buscará a axuda inestimable do público rosaleiro para darlle forma a unha actuación chea de ritmo e de música na que as risas están garantidas.

‘O Rosal Cámara Fest’

E ás 21:00h, no mesmo lugar, terá lugar a terceira cita no marco da terceira edición de ‘O Rosal Cámara Fest’. Os rosaleiros e rosaleiras que se acheguen ao campo de balonmán de Novás, serán quen de gozar da Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (AMDOR).

A formación, de 40 compoñentes e dirixida por Celso Diego Martínez, ten participado en Festivais Xuvenís de Bandas en Galicia e Portugal e agarda con moita ilusión esta oportunidade de presentar os seus coñecementos diante do seu público.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida “a toda a veciñanza a que se achegue a Novás para gozar dunha xornada cargada de bo humor e de música, con dúas propostas de balde e para público familiar”.

También te puede interesar