Galicia Vigo al minuto

O encoro de Zamáns un dos que máis preocupan pola súa cantidade actual de auga

A Xunta mantén a declaración de situación de seca prolongada

O encoro de Zamáns un dos que máis preocupan pola súa cantidade actual de auga

A Xunta mantén a declaración de situación de seca prolongada

A Oficina Técnica da Seca da Xunta acordou o mantemento da declaración de situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Teresa Gutiérrez, presidiu unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, para analizar a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das
distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Caudais un 25% inferiores

Na mesma confirmouse a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano.
En relación aos caudais circulantes rexistrados en xuño, seguen estando por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, un 25% menos ao ter en conta os dos últimos dez anos.

Grazas ás chuvias rexistradas en xuño, un mes máis chuvioso do normal, a situación mellora con respecto ao mes de maio, cando os caudais estaban un 45% por debaixo da media histórica.

Zamáns, un dos encoros que máis preocupan

No que se refire aos encoros de abastecemento en Galicia-Costa, a súa ocupación actual é do 93,01%, un 5% inferior á do mesmo período para o ano 2021. De xeito concreto, os embalses de Zamáns e Baiona son os que máis preocupan polos seus niveis actuais, polo que a Xunta insta ás administracións locais a intensificar as medidas de aforro para evitar que se dispare o consumo en verán, de forma especial de cara aos próximos días nos que se esperan altas temperaturas e clima seco.

Xullo, con poucas choivas

As previsións meteorolóxicas apuntan a un mes de xullo que non debería presentar anomalías de precipitación moi importantes, polo que se espera un mes con poucas choivas como é habitual nesta época do ano.

Nos primeiros 15 días non se prevén cantidades de chuvia significativas, pero agárdase que as situacións anticiclónicas non ocupen toda a segunda quincena e chegue algún centro de baixas presións.

Actualmente todos os sistemas de explotación da demarcación Galicia Costa están en situación de seca prolongada, estando en normalidade no relativo á escaseza, polo que ata o momento non está en risco a atención das demandas hídricas asociadas aos diferentes usos.

Uso responsable da auga

Non obstante, a Xunta segue a facer un chamamento a toda a sociedade para realizar un uso responsable da auga, evitando consumos innecesarios. Con isto, non só se evita consumir reservas que poden ser necesarias nos próximos meses se a situación continúa, senón tamén un maior deterioro dos ecosistemas fluviais, que este ano están a asumir un alto estrés hídrico debido á seca.

También te puede interesar