Destacados Vigo al minuto

O persoal de mantemento das zonas verdes de Vigo, en folga dende o luns

Os traballadores acusan ao Concello de “mirar para outro lado”

O persoal de mantemento das zonas verdes de Vigo, en folga dende o luns

A representación sindical da UTE Zonas Verdes Vigo (Acciona e Mantén) anuncia o inicio dunha folga indefinida a partir deste luns 20 para denunciar a progresiva precarización das condicións laborais e os incumprimentos do convenio colectivo por parte da concesionaria municipal.

Precarización

Alfredo Filgueiras, presidente do Comité de Empresa, sinalou que “o noso convenio colectivo establece que o persoal indefinido traballa de luns a venres en xornada intensiva na quenda de mañá, pero a raíz da reforma laboral a empresa está a facer catro tipos de indefinidos distintos: fixo-descontinuo, que entendemos que non procede porque o noso traballo non ten a estacionalidade que o xustificaría; fixo a tempo completo; fixo a tempo parcial con horas complementarias, que traballan cinco horas diarias seis días á semana; e fixo a tempo parcial con xornada irregular”,

En consecuencia, o representante sindical advirte que unha vez que se vaia xubilando persoal “o servizo irase precarizando en materia de contratación e relacións laborais”.

“O Concello mira para outro lado”

Ao mesmo tempo, censura que o Concello de Vigo, que está a pagar 109 traballadores/as a tempo completo, mire cara a outro lado, “de igual xeito que fai cando a empresa non substitúe nin o 50% das baixas do persoal”.

Filgueiras tamén criticou a actitude da dirección da UTE, xa que en 15 meses que levan á fronte do servizo “xa temos enriba da mesa 37 sancións, superando as rexistradas en todos os anos que leva a concesión”. E isto a pesar de que o persoal segue a ser o mesmo e desenvolve o mesmo traballo. “Non entendemos a que veñen este tipo de represalias contra o cadro de persoal”.

Servizos mínimos “desproporcionados

A empresa convocou onte ao comité para comunicarlle uns servizos mínimos que a representación sindical considera desproporcionados. Poñen unha persoa por equipo, un total de 34 dos 109 que integramos o cadro de persoal (preto dun 30%), coa escusa de regar, baleirar as papeleiras e limpar os baños de Samil, Castrelos e O Castro”.

Neste senso, Filgueiras lembrou que na primeira folga que convocaron, non ano 2005, obtiveron unha sentenza xudicial que establecía que nesta concesión non hai lugar a decretar servizos mínimos porque non se trata dunha actividade esencial para a comunidade.

O alcalde non intervirá

Abel Caballero non intervirá no conflito. Manifestouno este venres en resposta a unha pregunta de vigoalminuto. O alcalde asegurou que coñece a convocatoria de folga e engadiu que se trata dunha situación que ten que ver coa concesionaria e cos seus traballadores e traballadoras e que deben ser eles quen a resolvan.

Resposta do alcalde sobre a folga do persoal de zonas verdes do Concello

También te puede interesar